Preto de 5.000 persoas camiñan en Galicia cara ao respecto na IX Andaina contra a Violencia de Xénero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe nesta iniciativa da Xunta que se enmarca no amplo programa de actividades organizado con motivo do 25-N, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Lorenzana destacou o esforzo conxunto de toda a sociedade para loitar contra esta lacra social e sinalou a importancia de levar a cabo accións de concienciación, educación e sensibilización desde idades temperás

Multimedia

Preto de 5.000 persoas camiñan en Galicia cara ao respecto na IX Andaina contra a Violencia de Xénero
Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2021.-
 
Preto de 5.000 persoas de diferentes ámbitos da sociedade galega están a participar na IX Andaina contra a Violencia de Xénero que organiza cada ano a Xunta con motivo do 25-N, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A iniciativa solidaria desenvolveuse hoxe baixo o lema, Camiño ao Respecto, entre o Monte do Gozo e a Praza do Obradoiro, aínda que as persoas que desexen colaborar coa actividade están aínda a tempo de descargar o seu dorsal, ata o próximo día 28, a través da páxina web www.andaina.caminoaorespecto.gal e compartir as súas imaxes ou vídeos nas redes sociais co hashtag #CAMIÑOAORESPECTO, a través do enderezo electrónico contacto@caminoaorespecto.gal ou whastapp: 669 962 249.
 
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada doutras autoridades autonómicas e representantes doutros eidos da sociedade galega, participou hoxe na actividade e ao remate puxo en valor o esforzo conxunto de toda a sociedade para loitar contra a violencia de xénero e sinalou a importancia de educar desde idades temperás contra esta lacra social para poñer fin a actitudes machistas.
 
Lembrou que Galicia dispón dunha rede de apoio, de axudas e recursos, para as mulleres no seu camiño de rachar co círculo da violencia de xénero e de independizarse do seu agresor. Así, explicou que Galicia é a primeira comunidade autónoma en contar cunha axuda económica mensual para as vítimas que se mantén durante todo o ano, a prestación periódica e dispón, ademais, de apoios de pago único, incentivos á contratación e programas de inserción laboral dirixidos ás mulleres con especiais dificultades na procura dun emprego co reto de facilitar a súa recuperación integral e independencia económica.
 
A conselleira, así mesmo, indicou que a Xunta garante a percepción das indemnizacións económicas fixadas por sentenza xudicial ás mulleres vítimas de violencia de xénero, menores ou persoas dependentes delas e xestiona os apoios económicos aos fillos orfos, así como a vítimas de violencia vicaria. A Administración galega tamén ofrece programas como o bono de alugueiro social ou asistencia xurídica gratuíta a vítimas de violencia sexual.
 
Lorenzana tamén puxo en valor os 84 centros de información á muller distribuídos por todo o territorio galego que prestan atención non só xurídica, senón tamén psicolóxica e acompañamento constante ás vítimas; e a colaboración que a Xunta mantén co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o Colexio de Traballo Social para o mantemento dunha quenda de garda psicolóxica e doutra quenda de garda social, especializada e permanente. Así mesmo, a Administración galega continúa impulsando as mesas locais de coordinación interinstitucional para ofrecer unha resposta próxima e efectiva ás mulleres vítimas de calquera tipo de manifestación da violencia de xénero.
 
A titular de Emprego e Igualdade afirmou que para poñer en marcha esta rede resulta imprescindible unha formación especializada dos profesionais multidisciplinares que se dedican a este ámbito e incidir na posta en marcha de accións educativas, de sensibilización e concienciación para chegar ás xeracións máis novas e ás persoas de máis idade. Tamén destacou a importancia de seguir aunando esforzos contra esta lacra social para “gañar a batalla á violencia de xénero, ao acoso laboral, a violencia sexual e dixital”. “Entre todos temos forxada unha rede sólida e resistente de apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero para rachar con ese silencio, de rexeitamento absoluto ao machismo e discriminación contra a muller”, rematou.