Preto de 140 concellos galegos reciben este ano axudas para a promoción da igualdade

O DOG publica hoxe a resolución destas axudas, que destinarán 3,3 millóns de euros a programas para previr a violencia de xénero e fomentar a conciliación

Alfonso Rueda visitou o CIM de Vilagarcía e destacou que nos últimos catro anos o concello recibiu preto de 200.000 euros da Secretaría Xeral da Igualdade

  • Alfonso Rueda na visita que esta mañá realizou a Vilagarcía de Arousa
  • Preto de 140 concellos galegos reciben este ano axudas para a promoción da igualdade

Vilagarcía, 4 de outubro de 2013. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá en Vilagarcía que preto de 140 entidades locais galegas recibirán este ano axudas para a promoción de igualdade, tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia.

Rueda e o alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, visitaron o Centro de Información á Muller (CIM), acompañados da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Jose Manuel Cores Tourís.

O vicepresidente salientou a labor destes centros, diseminados por toda a xeografía galega, e incidiu na importancia da cooperación entre a Xunta e os concellos para traballar a prol da igualdade e rematar con calquera tipo de discriminación.

De aí que a nova orde de subvencións aumente máis dun terzo o número de entidades locais beneficiarias respecto ao ano pasado -pasan de 90 a 139-, nunha clara mostra do apoio do Goberno galego a todas as iniciativas de promoción da igualdade. A Xunta destinará 3,3 millóns de euros a programas de promoción da igualdade, prevención e tratamento integral da violencia de xénero, fomento da conciliación e apoio aos CIMs.

Ademais do traballo dos CIMs e as iniciativas de promoción da igualdade, a Xunta tamén apoia ao asociacionismo feminino. Precisamente nestas tres liñas de traballo, O Goberno galego leva investidos case 200.000 euros en Vilagarcía ao longo dos últimos catro anos; un investimento que se eleva a máis de 700.000 euros se nos referimos á Comarca do Salnés.

O CIM de Vilagarcía conta con servizo de teletradución; ten sete traballadores; e atendeu a preto de 800 persoas o ano pasado. No actual exercicio recibe para o seu mantemento 45.000 euros por parte da Secretaría Xeral da Igualdade.

Tema: