A Policía Autonómica presta vixilancia e protección a 185 mulleres vítimas da violencia de xénero

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, expuxo hoxe no Parlamento galego as actuacións que leva a cabo este corpo policial na atención ás vítimas

No que vai de 2017 contabilizan 17 detencións e máis de 12.500 contravixilancias no entorno da vítima ou do agresor

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2017.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe no Parlamento galego as actuacións que leva a cabo a Policía autonómica no ámbito da protección das mulleres vítimas de violencia de xénero. Ao respecto, sinalou que este corpo policial ten asignada actualmente a protección e atención de 185 mulleres.

Ademais, no que vai de ano teñen realizado outro tipo de actuacións destacables, como a detención de 17 persoas por delitos de violencia de xénero, a atención de 237 requirimentos (a través do 112, 091, ou chamadas de vítimas, fundamentalmente), e a realización de máis de 12.500 contravixilancias no entorno da vítima ou do agresor.

Tamén identificaron 539 persoas, realizaron 504 informes de valoración da evolución do risco da vítima, e levaron a cabo 167 colaboracións (acompañamentos aos xulgados, hospitais...) e 1.436 contactos e entrevistas.

Na actualidade as unidades de prevención, asistencia e protección ás vítimas de violencia de xénero da Policía autonómica contan con 13 policías dedicados en exclusiva a estas mulleres, aos que se suma o apoio de 66 axentes que prestan servizo a quendas as 24 horas do día, os 365 días do ano. Hai que ter en conta, ademais, que este labor fundamental de protección e atención realízase en colaboración co Corpo Nacional de Policía.

A Policía autonómica sumouse á loita contra a violencia de xénero o pasado verán, tras asinar un protocolo de coordinación coa Xefatura Superior de Policía de Galicia que supuxo, entre outros aspectos, integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema Viogen). Posteriormente, os axentes recibiron formación específica, tanto teórica como práctica. E, por último, creáronse as unidades de prevención, asistencia e protección, coas mesmas funcións que as das unidades de familia e mulleres das comisarías da Policía Nacional.

En concreto, as funcións que desenvolven os axentes pasan, fundamentalmente, por desprazar medios ante avisos de episodios de violencia, en colaboración coa Policía Nacional; prestar atención singularizada á vítima, a través de información detallada sobre procedementos legais, institucións de apoio...; traslado das vítimas ao centro asistencial cando teñan sido agredidas, así como á Comisaría para proceder á denuncia; recollida de datos sobre o agresor e posta en marcha de medidas de seguridade oportunas; e adopción das medidas de protección establecidas nos correspondentes protocolos, tendo en conta o nivel de risco da vítima. As actuacións inícianse de oficio, a instancia das vítimas ou por requirimento de terceiros.

Tema: