A Plataforma Emprendemento en Feminino conta xa con 140 proxectos de emprendemento liderados por mulleres galegas

O vicepresidente, Alfonso Rueda, sinalou que se vén de asinar un novo convenio para reforzar a difusión e comunicación dos resultados da Plataforma

Rueda destacou a aposta do Goberno por fomentar o emprego e apoiar o emprendemento feminino

Santiago, 25 de xuño de 2015.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe no Parlamento a singularidade e importancia da Plataforma Emprendemento en Feminino, que conta xa con 140 proxectos de emprendemento liderados por mulleres galegas.

Rueda explicou que este espazo pretende dar visibilidade ás emprendedoras galegas, promocionar os produtos e servizos das empresas destas mulleres, publicar liñas de axudas e subvencións para o fomento do emprendemento feminino e facilitar información sobre cursos e actividades formativas de emprendemento.

Ademais, lembrou que a Plataforma Emprendemento en Feminino, creada no ano 2013, froito da colaboración entre a Escola de Organización Industrial (EOI), a AMTEGA e a Secretaria Xeral de Igualdade, compóñase de catro fases que hoxe están totalmente ultimadas. Unha primeira fase de análise e diagnose do ecosistema de emprendemento feminino; unha segunda de elaboración dun plan de difusión e captación das empresas participantes. A terceira, de deseño e desenvolvemento da Plataforma de comercialización e outras funcionalidades da web da Plataforma. E a cuarta de difusión e comunicación do proxecto.

Nese sentido, aclarou que agora se está traballando no traspaso da Plataforma á Xunta de Galicia, para poder ofrecer a partir da segunda quincena de xullo información actualizada e contidos periódicos aos cidadáns. Ademais sinalou que se ven de asinar un novo convenio para reforzar a difusión e comunicación dos resultados da Plataforma, que contará cun financiamento de 80.000 euros.

O vicepresidente, que destacou a aposta do goberno por fomentar e apoiar o emprendemento feminino, quixo subliñar a posta en marcha nos últimos anos doutras iniciativas como o programa EMEGA. Un programa que incentiva ás mulleres emprendedoras de Galicia para a posta en marcha, mellora ou reactivación de iniciativas empresariais. No que a Secretaría Xeral de Igualdade leva investidos dende 2009 preto de 4 millóns de euros, o que ten permitido crear preto de 500 postos de traballo feminino.

Tamén sinalou a implantación da liña de axuda “Concilia” que atende á maternidade das promotoras e á organización do proceso de traballo na empresa e a través da cal, estas entidades poden acceder a axudas económicas de entre 1.000 e 8.000 euros cos que se podería sufragar o custe dun ano de gardería.

Por último, o vicepresidente recalcou que a sociedade non se pode permitir dispendiar o talento feminino, xa que a igualdade aumenta a produtividade e mellora a competitividade.