Os traballos de escolares de Guitiriz, Arteixo e O Porriño resultan gañadores do concurso de carteis da Xunta polo 8-M

Entre as propostas do alumnado de Infantil e de 1º ata 4º de Primaria alzouse co 1º posto o CEIP Lagostelle de Guitiriz (Lugo) e, co segundo, o CEIP Marcón de Pontevedra

Na categoría de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO o primeiro premio foi para o grupo de Educación Especial do CPR Agarimo de Arteixo (A Coruña) e o segundo recaeu no CEP Doutor Fleming de Vigo

O traballo do IES Ribeira do Louro do Porriño (Pontevedra) recibiu o primeiro premio na 3º categoría dirixida a estudantes de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e FP, mentres o IES Val do Asma de Chantada (Lugo) quedou no segundo lugar

O xurado destacou de xeito positivo a participación na convocatoria, que superou o medio centenar de traballos a pesares da recente incidencia da pandemia nos centros

  •  Os traballos de escolares de Guitiriz, Arteixo e O Porriño resultan gañadores do concurso de carteis da Xunta polo 8-M
  •  Os traballos de escolares de Guitiriz, Arteixo e O Porriño resultan gañadores do concurso de carteis da Xunta polo 8-M

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022.-

A Xunta deu a coñecer hoxe o fallo do concurso de deseño do cartel do día 8 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e no que participou alumnado de Educación Infantil, Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e de Bacharelato e Formación Profesional cun total de 57 propostas de centros educativos de Galicia, das que resultaron vencedoras nas respectivas categorías centros de Guitiriz (Lugo), Arteixo (A Coruña) e O Porriño (Pontevedra).

O xurado reunido este venres -integrado por representantes da Xunta, da CRTVG, do Colexio Profesional de Xornalistas e das axencias de publicidade; e presidido pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella- trasladou unha valoración positiva da da participación, a pesares das circunstancias derivadas da pandemia.

Con esta iniciativa a Xunta cumpre coa finalidade de promover a igualdade nos centros de ensino, a través de accións que visibilizan a contribución das mulleres nos distintos ámbitos. Tamén favoreceu a reflexión sobre estereotipos de xénero que aínda persisten na sociedade, sobre as causas e a orixe da discriminación de xénero, así como sobre o camiño que as mulleres percoreron ao longo da historia para defender seus dereitos.

Os carteis recoñecidos

Na primeira categoría -dirixida ao alumnado de Infantil e de 1º a 4º de Educación Primaria-, o xurado premiou a proposta dos alumnos de 1º de Primaria do CEIP plurilingüe Lagostelle de Guitiriz (Lugo), que incluiu o lema A igualdade está na túa man. O segundo posto correspondeu a unha rapaza de 1º de Primaria CEIP de Marcón (Pontevedra) coa súa proposta A igualdade está nas nosas mans.

Na segunda categoría -entre os traballos presentados polo alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO de centros galegos- resultou vencedor Semente delas, colleita nosa. 8m Día Internacional da muller do grupo de Educación Especial do CPR Agarimo de Arteixo (A Coruña); mentres o segundo premio recaeu no grupo de 5º de Primaria do CEP Doutor Fleming de Vigo polo cartel co lema Ti decides.

Na terceira categoría - aberta ao alumnado de de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP Básica, así como de ciclos de grao medio e superior- a participante de 3º da ESO do IES Ribeira do Louro do Porriño (Pontevedra) foi recoñecida co primeiro premio pola presentación do cartel Camiño cara á igualdade seguida, no segundo lugar, por Somos e estamos, a proposta dunha das aulas de 1º de Bacharelato do IES Val do Asma de Chantada (Lugo).

Os carteis gañadores serán utilizados pola Xunta de Galicia na campaña de conmemoración do próximo Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, así como para outras accións de sensibilización e promoción da Igualdade. O concurso forma parte das actuacións que a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolve no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.


Tema: