O servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia rexistra 60 consultas nos dous primeiros meses

A titular de Igualdade destaca no Parlamento a utilidade deste servizo para superar as reticencias que se producen no caso de facer consultas de xeito presencial.

As consultas a este novo servizo poden ser complementarias das que se realicen en calquera dos 78 CIMs distribuidos nas catro provincias.

Multimedia

Santiago, 30 de novembro de 2011.- O servizio xurídico online para mulleres e vítimas de violencia de xénero posto en marcha pola Secretaría Xeral da Igualdade o pasado outubro cumpre os dous primeiros meses con 60 consultas rexistradas, segundo informou hoxe a titular do departamento, Susana López Abella, na súa comparecencia ante a Comisión 5ª do Parlamento. Entre os obxectivos e vantaxes que supón o novo servizo destacou que contribúe a "superar as reticencias que se dan en moitos casos á hora de solicitar presencialmente asesoramento en materia de violencia de xénero".

Accesible a través deste portal web, ofrece información personalizada e gratuíta ás persoas usuarias dun xeito áxil e útil, partindo de que un asesoramento axeitado é un factor determinante para saír dunha situación de violencia de xénero. As consultas online permiten un primeiro achegamento á problemática para facer máis sinxela a derivación posterior cara ao recurso máis axeitado e facilitan ás mulleres o coñecemento dos seus dereitos e axuda a que adopten as decisións máis axeitadas en cada momento. Son numerosos os casos de mulleres inmersas en entornos de violencia de xénero que descoñecen os dereitos que as asisten, o xeito de abordar a interposición dunha denuncia ou que unha correcta exposición dos feitos e dos fundamentos de dereito ao longo de todo o proceso son determinantes para unha resposta xudicial máis efectiva.

O servizo xurídico online ofrece resposta en tempo real a consultas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación, dereito de familia, agresións ou acoso sexual, entre outras, garantindo o anonimato e a confidencialidade da usuaria. Clarexa cuestións que con frecuencia suscitan dúbidas e polo tanto xeran temor, tales como qué actuacións xudiciais pode iniciar, se é necesario contar sempre coa asistencia de avogado/a e de procurador/a ou as medidas urxentes que pode solicitar.

Entre outras funcionalidades, o servizo online pode xerar un rexistro con información estatística relevante e consistente, categorizada por diferentes criterios, como sexo, idade, localidade de residencia ou temática da consulta.

A disponibilidade deste servizo é complementaria á atención que se presta de xeito presencial nos 78 Centros de Información ás Mulleres, CIM, repartidos por toda Galicia.

Os orzamentos contra a violencia de xénero medran un 1,12%

López Abella contextualizou esta iniciativa no compromiso do Goberno galego coas políticas de igualdade e, nomeadamente, coas liñas de prevención e erradicación da violencia de xénero, poñendo de relevo na súa comparecencia que estas experimentan unha suba do 1,12% en 2012, cun orzamento de 5,1 millóns de euros, dos que 1,6 millóns se adicarán ás axudas económicas mensuais ás mulleres que teñen sido vítimas de violencia.

Tamén crece un 2,57% a partida destinada ao financiamento de centros e recursos para atención e asistencia integral ás vítimas de violencia e aumenta un 2,12% a partida destinada aos concellos para accións de prevención e información neste ámbito.