O protocolo sobre trata é a mellor ferramenta para axudar ás vítimas e combater as mafias

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, explicou hoxe na Comisión 5 de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento, os obxectivos e as liñas de actuación fixadas no Protocolo sobre Trata de Seres Humanos con fins de explotación sexual asinado pola Xunta de Galicia e a Fiscalía Superior de Galicia.

Marta González respondeu no Parlamento á pregunta do Grupo Parlamentario Popular sobre "cales son os obxectivos fixados e como se ten previsto materializar a participación das institucións implicadas na sinatura do Protocolo de actuación institucional sobre adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual".

Na súa intervención, afirmou que coa sinatura deste protocolo Galicia "foi pioneira na loita contra a explotación sexual de mulleres, fundamentalmente estranxeiras, que chegan á comunidade captadas por redes que as converten en escravas sexuais de clubs de alterne".

A secretaria xeral explicou que este Protocolo entende que a trata de seres humanos para a súa explotación sexual debe abordarse dende catro perspectivas.

Por unha parte, debe considerarse como un problema de violencia de xénero, xa que a trata constitúe un negocio sexual baseado no corpo feminino como obxecto de consumo. Por outra, hai que ter en conta que está vinculado ao problema da prostitución, como actividade delitiva que busca lucrarse comerciando coa muller e vulnerando gravemente os seus dereitos e a súa dignidade.

Ademais, debe terse en conta que é un fenómeno transnacional, de grandes dimensións, no que están implicadas redes que interveñen tanto nos países de orixe como de tránsito e destino. E, por último, non podemos esquecer que na persecución deste delito é imprescindible a actuación de varios axentes, tanto xudiciais, como policiais, laborais e sanitarios.

Marta González sinalou que "é preciso concretar que, con este instrumento, se pretende unha actuación conxunta multidisciplinar dirixida a combater a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, entendendo por tal aquela que así se considere en cada momento na lexislación penal en vigor e, en todo caso, a trata de persoas procedentes de países estranxeiros non pertencentes ao territorio Schengen que foron trasladadas a este territorio con fins de explotación sexual e ao que accederon en forma clandestina ou ilegal".

O Protocolo

Este Protocolo axilizará a aplicación dos beneficios de protección recollidos na lexislación, entre os que destaca, a posibilidade de conceder permiso de residencia, a aquelas mulleres que denuncien ás mafias que as explotan, para que manteñan o seu testemuño ata o fin do proceso penal, tentando facilitar a colaboración das vítimas de trata coa Xustiza.

Unha das novidades é que dende o momento que as vítimas sexan identificadas, ben por vontade propia ou pola intervención policial nun local, estas mulleres serán consideradas vítimas do delito de trata de seres humanos, co que terán dereito a un período de reflexión de polo menos un mes para valorar «con serenidade e seguridade» se colaboran coas autoridades para investigar o delito.

Ademais, terán dereito a ter aloxamento e alimentación para elas e para as súas fillas e fillos menores de idade, e igualmente contarán con asistencia psicolóxica, médica e xurídica gratuíta e prestarán testemuño en condicións especiais de protección fronte a calquera posibilidade de represalia. E tamén poderán iniciar procedementos para a restitución dos seus dereitos e obtención de indemnización.

O protocolo pretende acabar cos problemas de coordinación que facían que a maior parte das causas contra redes de explotación sexual, fosen arquivadas antes de chegar a xuízo ou que rematasen cunha sentenza absolutoria pola ausencia das testemuñas ou porque cambiaban a súa declaración por medo, ameazas ou pola súa situación de desprotección e desamparo.

Por iso, o protocolo contempla que as vítimas terán dereito a que se protexa a súa identidade e intimidade, a prestar testemuño en condicións especiais de protección e á protección fronte a toda posible ou efectiva represalia. Ademais, serán informadas das actuacións, das medidas adoptadas e das consecuencias do proceso, sen e; a persoarse, ser oída e que se teña en conta a súa opinión en todas as etapas do proceso; a que se protexa a súa identidade e intimidade; a iniciar procedementos para a restitución dos seus dereitos e obtención de indemnización.

Ata agora, un dos principais problemas era o da expulsión inmediata das denunciantes nunha aplicación preferente da lei de estranxeiría, co que se perdían os testemuños cruciais para a culminación do proceso penal contra as redes de explotación. Por iso, o acordo firmado hoxe contempla que as mulleres vítimas de explotación sexual terán dereito a obter un permiso de residencia se existe risco de regresar ao seu país de orixe, ou sé se produce a colaboración cos autoridades xudiciais e fiscais, tras o período de reflexión. E tamén a que se lles facilite o retorno ao seu lugar de orixe en condicións de seguridade e dignidade e aplicando preferentemente e sempre que sexa posible o retorno voluntario, así como o dos seus fillos e fillas menores de idade.

Todos estes dereitos levan consigo a obriga das mulleres vítimas de trata de colaborar coas autoridades competentes, unha vez tomada a decisión de denunciar a súa situación, persistir no testemuño, para evitar que a retractación deste poida dar lugar á perda dos dereitos relativos a súa permanencia en España, non poderán retomar o contacto cos seus explotadores.

Outro dos problemas detectados ata agora era a escasa coordinación entre xuíces, fiscais e policías á hora de aplicar perfís de identificación das vítimas e de concesión dos dereitos de protección que recolle a lei, co que se perdía a posibilidade de contrastar datos de máxima importancia para a investigación. Por iso, a coordinación entre administracións e forzas e corpos de seguridade se verá agora reforzadas grazas a este protocolo.

Nese eido de cooperación institucional o Protocolo indica que a Brigada de Estranxeiría remitiralle á sección especializada en Estranxeiría da Fiscalía Provincial e/ou de Área un informe periódico, cando menos anual, sobre a relación de clubs de alterne existentes na provincia e inspeccións realizadas, e contendo unha valoración do risco da existencia no seu interior de mulleres traficadas.

Ademais, a Sección de Estranxeiría da Fiscalía Provincial e/ou de Área recibirá anualmente da Inspección de Traballo un informe relativo ás actas de inspección levantadas nos clubs de alterne ou noutros locais relacionados coa industria do sexo. Tamén as autoridades sanitarias competentes remitiranlle os informes relativos ás condicións de hixiene e saúde dos locais ou establecementos onde se desenvolvan estas actividades, e as ONGs enviaranlle cantos informes estimen relevantes relativos a mulleres en situación de risco de trata.

Outras accións para combater a Trata

Pero ademais da sinatura deste protocolo, dende a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia véñense realizando outras acción para combater a explotación sexual e para atención e protección ás vítimas desa violación dos dereitos humanos. Entre elas, as xornadas de traballo con ONGs que están a traballar con vítimas de explotación sexual e trata, que se realizaron durante o primeiro trimestre de goberno, e das que saíron as primeiras medidas de actuacións para combater a explotación sexual e proporcionar atención e protección ás vítimas de trata e explotación sexual.

Ademais, a Secretaría Xeral da Igualdade asinou dous Convenios con dúas ONGs que traballan na atención e recuperación das vítimas de explotación sexual. Estes convenios están destinados a implementar dispositivos destinados á atención integral a mulleres vítimas de explotación sexual e trata no que se lles presta acollida, axuda e asistencia directa, procurándolles un apoio na busca de solucións dos conflitos que derivan da súa situación específica.

As vítimas da Trata

Os datos máis actualizados sobre o alcance da trata de persoas en Galicia, son os proporcionados pola Fiscalía Superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nun informe que se fixo público hai uns meses.

Entre os anos 2005 e 2008 as forzas e corpos de seguridade do Estado na comunidade autónoma desarticularon cincuenta e nove redes que traficaban con persoas con fins de explotación sexual, obtendo algunhas delas beneficios de ata 600.000 euros anuais con este comercio. O número de mulleres identificadas e susceptibles de seren vítimas das redes de explotación sexual, nese mesmo período, son 1.847, téndose detectado no ano 2009 outras 141.

Na actualidade, os procesos xudiciais son escasos porque existe unha gran dificultade á hora de obter denuncias directas procedentes das mulleres vítimas de trata, debido ao medo que hai ás posibles represalias directas ou sobre as familias das mulleres no seu lugar de orixe, e á súa situación de alienación. Por iso, co Protocolo que hoxe se asinou esperase poder subsanar unha boa parte destes problemas.

O artigo 29.3 de Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes recolle a obriga da Xunta de Galicia na loita contra o tráfico de mulleres, nenas e nenos que teña como finalidade fundamental a súa explotación sexual no territorio da nosa comunidade autónoma, establecendo que esa loita deberá realizarse a través dunha intervención integral que permita a prevención, detección, atención e, se é o caso, integración das mulleres vítimas do tráfico de explotación sexual.

Esa intervención á que obriga a lei, non tivo cabida na actuación do anterior Goberno da Xunta, xa que durante catro anos non se puxeron en marcha medidas nesta materia, na que o actual executivo aposta decididamente para lograr erradicar esta forma de violencia e esta violación dos dereitos humanos.

 

Contido: