O programa Medrando Xuntas de impulso ao talento feminino na economía social acadou a formación de 240 mulleres nos últimos seis anos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe en Oleiros o V Foro Medrando Xuntas cun formato aberto e participativo no que as alumnas son a peza fundamental

Lorenzana destaca que a iniciativa busca mellorar a presenza equilibrada da muller e a igualdade de oportunidades en calquera nivel e actividade do mercado de traballo

Lembra que a economía social é un modelo de futuro e, por iso, a Xunta está a intensificar os apoios e recursos a este eido ao que destina este ano 35 millóns e está a definir a segunda Estratexia Galega de Economía Social

A primeira estratexia xerou 89 millóns de euros en tres anos e logrou reducir a 44 días o tempo necesario para a constitución de novas iniciativas de economía social

Galicia conta na actualidade con máis mulleres promotoras de novas cooperativas que homes, pasando do 37,7% en 2019 ao 50,79% en 2021

  • O programa Medrando Xuntas de impulso ao talento feminino na economía social acadou a formación de 240 mulleres nos últimos seis anos
  • O programa Medrando Xuntas de impulso ao talento feminino na economía social acadou a formación de 240 mulleres nos últimos seis anos

Oleiros (A Coruña), 22 de xuño de 2022.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor hoxe en Oleiros, na inauguración do V Foro Medrando Xuntas, o programa formativo de impulso ao talento feminino na economía co que se acadou nas súas seis edicións (2017-2022) a formación de 243 mulleres, un total de 39 ao longo deste ano.

O programa Medrando Xuntas culmina esta edición coa celebración do V Foro, un espazo aberto e participativo na que as alumnas comparten experiencias e vivencias para fomentar o empredemento feminino e multiplicar capacidades aprendendo unhas doutras, converténdose, polo tanto, na “peza fundamental” da iniciativa. A actividade, en palabras da conselleira, busca mellorar a presenza equilibrada da muller e a igualdade de condicións en calquera nivel e actividade do mercado de traballo, en especial, na economía social, un modelo de futuro polo que, segundo engadiu, aposta a Xunta intensificando os seus apoios e recursos. “A economía social encaixa co modelo de garantir a economía tamén desde o punto de vista da solidariedade e a sostibilidade”, apuntou.

Así, este ano a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina a este ámbito 35 millóns de euros e está a traballar na actualidade no deseño da segunda Estratexia Galega de Economía Social. A primeira, que rematou cun investimento maior do orzamentado no inicio, xerou en tres anos (2019-2021) máis de 89 millóns de euros e conseguiu, entre outros logros, reducir a 44 días o tempo necesario para a constitución de novas iniciativas de economía social.

Lorenzana, ademais, indicou que a estratexia en vigor ata o pasado ano apostou polo talento feminino e, así, actualmente en Galicia hai máis mulleres promotoras de novas cooperativas que homes, pasando do 37,7% en 2019 ao 50,79% de 2021. “Con programas como Medrando Xuntas tamén agardamos que as mulleres acaden o espazo de liderado equilibrado que lles corresponde e permiten que a economía galega sexa máis forte e feminina”, subliñou.

Características do programa

Medrando Xuntas ofrece formación específica en dous eidos: Mulleres Xuntas Directivas para mulleres con responsabilidades de goberno e dirección, que ofrece 60 horas de formación en Santiago de Compostela; e Medrando Xuntas Socias e Traballadoras con 20 horas de cualificación para socias e traballadoras. 

Do que se trata, coa actividade, é mellorar coñecementos e habilidades tanto persoais como profesionais; fomentar a reflexión conxunta entre alumnas e persoal docente sobre a economía social e o papel protagonista das mulleres; promover espazos de encontro e intercambio entre mulleres no eido laboral; crear unha comunidade de mulleres activas na promoción da economía social en Galicia; e incrementar a presenza feminina en órganos de toma de decisión.

Lorenzana para rematar insistiu na forza da economía social para atraer máis dinamismo económico a Galicia sinalando que é un modelo que aposta polas persoas e que avoga pola cooperación coa que se contribúe “a ser moito máis resilientes”, rematou.

Tema: