O Programa Emega para mulleres emprendedoras contará en 2022 con 4,2 millóns de euros, o maior orzamento da súa historia

Multimedia

 O Programa Emega para mulleres emprendedoras contará en 2022 con 4,2 millóns de euros, o maior orzamento da súa historia

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na entrega dos premios da I edición Olympe Emprende -colofón ao programa formativo desenvolvido polas entidades Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop, para acompañar a mulleres na súa iniciativa empresarial-, ocasión que aproveitou para poñer en valor aposta da Xunta polo emprendemento feminino por medio do programa Emega que, tal e como resinou, contará o próximo ano co orzamento maior dos seus 25 anos de historia: 4,2 millóns de euros.

A Xunta impulsará en 2022, apuntou no acto a secretaria xeral, o talento e a inserción laboral feminina con máis de 34 millóns de euros a través dun plan máis completo, o Emprega Muller, no que se insire o Emega. Trátase de deseñar actuacións específicas que promovan a formación e a ocupación de mulleres, potenciando o seu liderado e iniciativa empresarial.

Galicia está contribuíndo coas súas políticas públicas a afianzar o emprendemento feminino. A comunidade conta cunha taxa de actividade emprendedora de mulleres do 6,8% fronte ao 3,7% do sector masculino, que a sitúa á cabeza do resto das comunidades, só superada por Cataluña. O emprendemento feminino rural está a experimentar un amplo crecemento nos últimos anos, dixo a secretaria xeral, quen incidiu en que na Economía Social, as mulleres destacan por riba da media do Estado. Emega permitiu apoiar desde 2009 cerca de 1.000 iniciativas empresariais e consolidar máis de 2.100 postos de mulleres, lembrou López Abella.