O Goberno galego dá un paso máis a prol das persoas LGTBI creando unha unidade de apoio á transexualidade dos menores e o Observatorio contra a discriminación

Feijóo sinala que a Xunta avanza así no cumprimento da Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais, na que Galicia foi pioneira en 2014

Galicia contará cunha unidade pioneira de apoio e acompañamento, entre profesionais, persoas transexuais, familiares ou coidadores, co fin de unificar e homoxeneizar a atención sanitaria aos nenos e nenas transexuais

A unidade estará composta por un equipo multidisciplinar e buscará despatoloxizar a transexualidade e implantar unha política sanitaria no trato destas persoas que garanta o respecto á identidade de xénero

O presidente destaca que o Observatorio nace co obxectivo principal de consolidar e defender os dereitos das persoas sexa cal sexa a súa orientación sexual e de xénero

Será un órgano colexiado, consultivo e de participación social en materia de dereitos das persoas LGTBI e está previsto que a súa creación se aprobe neste ano

  • O presidente da Xunta, na rolda de prensa
  • O presidente da Xunta, na rolda de prensa

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, trala rolda de prensa do Consello, a creación da unidade de referencia para atención á transexualidade en menores e dun novo Observatorio contra a discriminación das persoas LGTBI.

Segundo lembrou Feijóo, o Goberno galego avanza así no cumprimento da Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais. Este texto, aprobado en 2014, converteu Galicia na primeira autonomía cunha lei que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas LGTBI.

Unidade de atención á transexualidade dos menores

No que atinxe á unidade de atención á transexualidade dos menores, a Xunta cumpre así co obxectivo de mellorar a calidade da atención asistencial a este colectivo. Deste xeito, Galicia contará cunha unidade pioneira de apoio e acompañamento, entre profesionais, persoas transexuais, familiares ou coidadores, co fin de unificar e homoxeneizar a atención sanitaria aos nenos e nenas transexuais.

Esta unidade estará composta por un equipo multidisciplinar composto por pediatras, endocrinos e profesionais da saúde mental e estará situada no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Os obxectivos principais que perseguirá son despatoloxizar a transexualidade e introducir unha política sanitaria no trato destas persoas que garanta o respecto á identidade de xénero, así como o acceso ao Sistema Sanitario de acordo co nome sentido.

Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero

En canto ao Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, Feijóo sinalou que nace co obxectivo principal de consolidar e defender os dereitos das persoas sexa cal sexa a súa orientación sexual e de xénero.

Así, Galicia contará cun novo instrumento, que outorgará carácter estable á loita contra a discriminación sexual e co que a sociedade galega tentará fomentar un espírito máis crítico cos delitos de odio por motivo de discriminación ou violencia debido á orientación sexual e identidade de xénero.

Será un órgano colexiado, consultivo e de participación social en materia de dereitos das persoas LGTBI, que identificará as súas necesidades e promoverá a igualdade real e efectiva deste colectivo.

Entre as funcións principais deste organismo, cuxa creación está previsto que se aprobe este mesmo ano, están realizar estudos que analicen os principais problemas para o recoñecemento e garantía dos dereitos das persoas LGTBI, formular recomendacións á Administración pública, realizar campañas de sensibilización e concienciación, presentar propostas que promova a transversalidade do enfoque dos dereitos das persoas LGTBI na posta en marcha das políticas públicas sectoriais e manter comunicación permanente coas instancias públicas e privadas pertinentes para materializar os dereitos deste colectivo.

Tema: