O DOG publica a resolución das subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral

Esta iniciativa é pioneira a nivel estatal, e está cofinanciada polo Fondo Social Europeo para o período 2016-2017

Santiago, 30 de agosto de 2016.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero en Galicia.

Esta convocatoria está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, do programa operativo de Galicia 2014-2020, ten como obxectivo promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación, e fomentar a igualdade de oportunidades, dita convocatoria conta cun orzamento, para o período 2016 e 2017, de 920.543 euros.

Unha iniciativa pioneira a nivel estatal que ten por obxecto desenvolver programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia, e a inserción sociolaboral é un mecanismo fundamental e clave para que unha muller que sufriu violencia de xénero consiga a súa independencia económica e persoal, tan necesaria para rachar os vínculos con agresor e acadar a súa efectiva recuperación integral.

Entidades beneficiarias

Entre as entidades subvencionadas están a Fundación Nortempo, Acción laboral, Ecos do Sur, Apetamcor, Fundación Clip, Asociación de Empresarios de Mos, Asoc. Antonio Noche, Asoc. Mirabal, Asoc. Amicos, Fundación Cupa, Asoc. Mulleres en Igualdade Burela, Fundación Laboral de la Constitución, Asoc. Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña, Apico-Asociación pola Igualdade e a Coeducación, Cimo Entidade Prestadora de Servicios e Axel-Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses.

Estas entidades levarán a cabo ditos programas de inserción laboral, a través de accións de itinerarios de inserción, que poden comprender o deseño dun plan de acción personalizado para a busca de emprego para cada participante; orientación profesional e asesoramento laboral; mediación laboral e contacto con empresas xestionando posibles ofertas; prospección de emprego; seguimento da inserción nas empresas, se é o caso, e avaliación do traballo realizado; ou outras actuacións dirixidas a incrementar as expectativas de mellora da empregabilidade e as posibilidades de inserción laboral das mulleres en situación de violencia de xénero en Galicia.

Tema: