O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas do Programa Emega para o fomento do emprendemento feminino

Poderán beneficiarse deste programa as iniciativas que promovan o emprego de mulleres e axuden á conciliación da vida persoal e laboral

O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá sábado e rematará o próximo 4 de setembro

Pontevedra, 4 de agosto de 2017.- O Diario Oficial de Galicia vén de publicar hoxe a resolución que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas do programa Emega, destinadas ao fomento do emprendemento feminino, promoción do emprego e novas formas de organización do traballo que axuden á conciliación da vida persoal e laboral.

O programa constitúe unha medida integral de promoción da igualdade no eido laboral e persegue apoiar o desenvolvemento da actividade empresarial e accións favorecedoras da conciliación laboral e familiar. O que se busca é que aquelas mulleres emprendedoras que o desexen poidan materializar as súas ideas empresariais, contribuíndo así á creación de novos postos de traballo.

Para conseguilo, o Emega articula catro liñas específicas. Así, a liña ‘Emprende’ estará destinada á posta en marcha de novas empresas; a liña ‘Innova’, á promoción de melloras en empresas lideradas por mulleres; a ‘Activa’, á reactivación e consolidación de proxectos empresariais, e a ‘ITEF’, á posta en marcha de iniciativas empresariais de base tecnolóxica.

A maiores, existen dúas axudas complementarias: a ‘Concilia’, un programa de apoio á conciliación da vida persoal e laboral; e a ‘Dual’, que trata de incentivar a participación no programa de titorización que organiza a Secretaría Xeral de Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro da convocatoria.

O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá sábado e finaliza o 4 de setembro. Poderán ser beneficiarias das axudas as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans ‘Innova’ ou ‘Activa’ no período comprendido entre o 1 de agosto de 2016 e a data do fin do prazo de presentación de solicitudes.

Contía das axudas

A contía das axudas dependerá da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, tanto por conta propia como por conta allea. Así na ‘Emprende’ irán de 12.000 a 22.000 euros; na ‘Innova’, de 15.000 a 22.000; na ‘Activa’, de 6.000 a 18.000; na ‘ITEF’, de 18.000 a 50.000; na ‘Concilia’, de 1.000 a 5.000; e na ‘Dual’, de 500 euros.

As beneficiarias das axudas teñen a obriga de realizar a actividade empresarial e manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de dous anos.

Tema: