O DOG publica hoxe a concesión das Medallas Emilia Pardo Bazán a Ángeles Carmona, a CLUN e á Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama

É o primeiro ano que se concede este recoñecemento para poñer en valor o traballo de persoas e institucións a favor da igualdade entre mulleres e homes

Multimedia

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2019.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se concede a Medalla Emilia Pardo Bazán á presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, María Ángeles Carmona Vergara, a Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) e á Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (Adicam).

No DOG tamén se publica hoxe a orde que desenvolve o decreto de creación deste recoñecemento, e que inclúe as características que terán a medalla cando se outorgue a título individual e, a placa, cando se outorgue a colectivos ou institucións.

É o primeiro ano que se conceden estas medallas, que teñen como obxectivo recoñecer publicamente o traballo e contribución de persoas e institucións a favor da igualdade entre mulleres e homes en Galicia. Entregaranse os 16 de setembro, en conmemoración do nacemento da escritora galega.

As medallas levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e o feminismo; reivindicar a educación e instrución das mulleres como algo fundamental; e incorporar en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.

Comisión de valoración

As medallas concedéronse logo da resolución dunha comisión de valoración, formada por representantes da Xunta, das asociacións e federacións de mulleres e da Casa Museo Emilia Pardo Bazán. A comisión valorou as candidaturas presentadas, que podían ser remitidas directamente por calquera persoa física ou xurídica.

Adicam é unha entidade situada na zona do Morrazo, que se ten convertido nun referente autonómico no apoio a pacientes con cancro de mama. Neste ámbito, organiza cada ano diversas actividades con repercusión social, ademais de outras iniciativas de apoio destinadas a este colectivo de mulleres.

Ángeles Carmona ten unha ampla traxectoria no ámbito da loita contra a violencia machista. En 2009 foi destinada ao Xulgado de Violencia sobre a Muller número 3 de Sevilla e en 2012 pasou a desempeñar o cargo de Xefa da Unidade de Coordinación Territorial da Violencia de Xénero da Delegación do Goberno en Andalucía. Desde 2014 é a Presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, instrumento de análise e actuación que promove medidas destinadas a erradicar a violencia de xénero. Ten colaborado activamente en distintas xornadas e campañas organizadas en Galicia de prevención e loita contra a violencia machista.

Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) puxo en marcha en 2013 a iniciativa Mulleres de Seu, que naceu co principal obxectivo de fomentar a igualdade entre homes e mulleres no rural. Esta iniciativa desenvólvese a través dun intenso programa de accións para impulsar o desenvolvemento profesional e o liderado das mulleres, buscando equiparalo ao dos homes, dignificando así o seu papel no ámbito rural. A través de accións formativas, encontros e xornadas de traballo, Mulleres de Seu favoreceu a integración das mulleres na Cooperativa así como a súa participación nos órganos de goberno, a prol da igualdade.