O DOG publica hoxe as axudas periódicas para mulleres vítimas de violencia de xénero cun orzamento de 5,1 millóns

En 2019 destinaranse 1,4 millóns de euros máis a este fin que na anterior convocatoriaEn 2019 destinaranse 1,4 millóns de euros máis a este fin que na anterior convocatoria

Este ano tamén se amplían as potenciais beneficiarias, ao incluír as vítimas da violencia vicaria

A prestación pode solicitarse ao longo de todo o ano

Multimedia

 O DOG publica hoxe as axudas periódicas para mulleres vítimas de violencia de xénero cun orzamento de 5,1 millóns

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2019.-O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se convoca para 2019 as axudas periódicas destinadas a mulleres vítimas da violencia de xénero. As prestacións contan este ano cun orzamento de algo máis de 5,1 millóns de euros, 1,4 millóns de euros máis que na anterior convocatoria.

Ademais do incremento do orzamento, este ano inclúese outra novidade como a inclusión como potenciais beneficiarias por primeira vez das vítimas da “violencia vicaria” ou “por interpósita persoa”, isto é, aquelas mulleres que padezan o asasinato dos seus fillos/as a mans do maltratador.

Cómpre destacar tamén que, ao igual que en anos anteriores, a convocatoria está aberta de forma permanente todo o ano e o seu orzamento pode ampliarse no caso de que sexa necesario para atender a todas as solicitudes.

O obxectivo desta iniciativa é garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor ou da persoa que mantivera sobre elas unha relación de dominación (no caso das vítimas de trata con fins de explotación sexual), de xeito que se lles facilite dar o primeiro paso para romper con esta situación.

A axuda consiste nunha contía económica que se percibe mensualmente, e que oscila entre os 300 e os 800 euros, en función dos ingresos da persoa beneficiaria, dos fillos/as menores ao seu cargo ou que padeza algún tipo de discapacidade.

Axudas de pagamento único

A Xunta tamén habilita para as vítimas de violencia de xénero unha liña de axudas de pagamento único e para cubrir indemnizacións (as fixadas por sentenza xudicial). Ambas liñas, xa publicadas no DOG, están dotadas con 400.000 e 55.000 euros respectivamente. En ambos casos, o seu orzamento é ampliable.

Por unha banda, as axudas de pago único van dirixidas a aquelas mulleres con insuficiencia de recursos e con especiais dificultades para obter un emprego. Pola outra banda banda, a liña de axudas para cubrir indemnizacións está destinada a aqueles casos nos que se teña incumprido por insolvencia o pago da indemnización á vítima, sempre que esta estea fixada por sentenza xudicial.

Neste caso, o prazo de solicitude comezará a partir de mañá e rematará o próximo 30 de novembro no primeiro caso, e o 31 de outubro para o segundo caso.