O DOG publica a convocatoria de axudas a asociacións de mulleres cunha dotación de case medio millón de euros

Os importes buscan o mantemento das agrupacións de mulleres e a promoción de accións en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2019.-Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas a asociacións de mulleres de 480.000 euros, unha ampliación de 300.000 euros con respecto o ano pasado, debido á achega do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste marco de actuación, a Xunta considera necesario contribuír a impulsar e a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres como elemento clave do cambio de valores e da transformación necesaria para avanzar na igualdade real.

Nesta actuación establécense dúas liñas de axuda, unha dirixida ao financiamento dos gastos correntes de mantemento e funcionamento das asociacións e federacións de mulleres e outra para o apoio ao desenvolvemento de actuacións ou actividades de sensibilización e concienciación social e de prevención e acompañamento das vítimas da violencia de xénero.

No primeiro apartado, o importe da convocatoria é de 180.000 euros e a contía máxima da axuda desta liña é 4.000 euros (o ano pasado foron 3.000). Na segunda liña de axudas, o importe da convocatoria é de 300.000 euros e a contía máxima da axuda desta liña é 8.000 euros (o ano pasado foron 3.000).

Máis en particular, a segunda liña de actuación promove a promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade. Sempre serán actuacións dirixidas a promover o cambio de valores e a corresponsabilidade, na sociedade en xeral, coa finalidade de potenciar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, así como para previr e erradicar a violencia de xénero. Ademais, actividades de información e formativas destinadas a impulsar e promover a motivación, o empoderamento e o liderado das mulleres, así como a participación das mulleres no ámbito público, social, económico e cultural.

Tema: