O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de axudas para entidades sociais para a atención integral de persoas en situación de explotación sexual ou vítimas de trata

Para o desenvolvemento destes proxectos, o orzamento ascende a máis de 480.00 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo

Subvenciona proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral

Teñen como finalidade apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas

Santiago, 13 de xaneiro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral.

Para esta convocatoria cofinanciada polo Fondo Social Europeo, o orzamento é de 484.276 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 70.000 euros. Cabe destacar que esta convocatoria para esta ano incrementouse en preto dun 32 por cento respecto á convocatoria do ano 2015, e que practicamente mantense a mesma contía para o ano que vén.

As subvencións están dirixidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

Para poder acceder ás subvencións, as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro deben estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais; ter domicilio social ou delegación en Galicia; e non toparse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Accións subvencionables

Serán subvencionables o desenvolvemento de proxectos de atención integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e /ou vítimas de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na nosa comunidade, coa finalidade de apoiar a súa recuperación e integración social e laboral, sempre que inclúan polo menos dous tipos destas actuacións.

Entre as actuacións subvencionables están a atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades competentes, xudiciais, fiscais e policiais, para a atención inmediata ás vítimas de seres humanos con fins de explotación sexual e /ou laboral en asistencia social, legal ou psicolóxica. Ademais, de asesoramento social e actuacións de apoio directo nas relacións coas distintas entidades e servizos para a realización de trámites administrativos, que poden ser de índole social, sanitaria, policial, xudicial, laboral, ou de formación entre outros, e que permitan ás persoas beneficiarias iniciar o seu proceso de normalización social, así como de atención, información e asesoramento continuado sobre os recursos; ademais de acompañamento, apoio, e seguimento no proxecto persoal de cada usuario.

Tamén serán subvencionables accións de atención psicolóxica para abordar posibles trastornos emocionais e/ou conductuais e na procura da súa recuperación persoal, así como asesoramento xurídico sobre os seus dereitos e deberes, e a axuda para a tramitación de procedementos administrativos como autorizacións de residencia e traballo, revogacións de ordes de expulsión, reagrupamento familiar, retorno ao pais de orixe, cuestións laborais e civís, procesos de denuncia, xestións policiais ou procesos penais, entre outros.


Ademais, tamén poderán subvencionar accións de orientación e asesoramento laboral, incluídas actividades formativas como formación básica en habilidades sociais, alfabetización ou formación prelaboral e laboral coa finalidade de facilitar e mellorar a súa empregabilidade e a súa inserción laboral. Tamén inclúe atención e asesoramento en traballo de rúa, co obxectivo de achegamento a aqueles lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos, en situación de explotación, , achegándolles información sobre os recursos existentes e/ou información hixiénico-sanitaria, xurídica ou social

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365, https://sede.xunta.es/chave365.

Tema: