- Galego
- Castellano
Ofrecido sen custe pola Secretaría Xeral da Igualdade, mellora a atención ás mulleres e ás vítimas de violencia de xénero estranxeiras, facilitando unha comunicación verbal máis eficaz
A titular de Igualdade, Susana López Abella, e a alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, asinaron esta mañá o convenio de colaboración
Sanxenxo, 28 de febreiro de 2012.- O Centro de Información á Muller de Sanxenxo (Pontevedra) incorpora a partires de hoxe un servizo de teledradución para mellorar a atención ás mulleres e vítimas de violencia de xénero inmigrantes, que ofrece sen custe a Secretaría Xeral da Igualdade e facilitará a comunicación en 51 idiomas.
O servizo entra en funcionamento ao abeiro do convenio de colaboración entre Igualdade e o Concello de Sanxenxo, asinado esta mañá pola titular de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e a alcaldesa, Catalina González, nun acto celebrado nas instalacións do CIM no que usuarias de orixe ucraniana, francesa e marroquí tiveron a oportunidade de participar nunha demostración das aplicacións do sistema.
A Secretaría da Igualdade decidíu facer extensiva a teletradución á rede de CIMs de Galicia despois de acreditar a súa utilidade no Teléfono de Información á Muller durante un ano. Amais dos CIMs, Igualdade tamén incorpora esta tecnoloxía nas casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e nas entidades e ONGs que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido.
Ata o de agora, un total de 50 CIMs das catro provincias -19 da Coruña, 16 de Pontevedra, 9 de Ourense e 6 de Lugo- están adheridos ao sistema, que sigue aberto para os que no futuro desexen incorporarse.
Unha comunicación verbal eficaz, determinante nos casos de violencia de xénero
As novas características poboacionais derivadas da inmigración motivaron á Administración autonómica a mellorar as técnicas para unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa lingua, tendo en conta que en Galicia residían 54.447 mulleres estranxeiras, segundo datos do IGE correspondentes ao ano 2010.
A teletradución está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantaxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.
A través da plataforma de teletradución, estas mulleres terán a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.