O CIM de Marín incorpora un servizo de teletradución a 51 idiomas

Ofrecido sen custe pola Secretaría Xeral da Igualdade, mellora a atención ás mulleres e ás vítimas de violencia de xénero estranxeiras, facilitando unha comunicación verbal máis eficaz 

A titular de Igualdade, Susana López Abella, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a súa posta en servizo

  • O CIM de Marín incorpora un servizo de teletradución a 51 idiomas
  • O CIM de Marín incorpora un servizo de teletradución a 51 idiomas
Marín, 12 de marzo de 2012.-  O Centro de Información á Muller de Marín (Pontevedra) incorpora a partires de hoxe un servizo de teledradución para mellorar a atención ás mulleres e vítimas de violencia de xénero inmigrantes, que ofrece sen custe a Secretaría Xeral da Igualdade, e facilitará a comunicación en 51 idiomas. 
 
O servizo entra en funcionamento ao abeiro do convenio de colaboración entre Igualdade e o Concello de Marín, asinado esta mañá pola titular de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, e a alcaldesa, María Ramallo, nun acto celebrado nas instalacións do CIM no que unha usuaria, de orixe marroquí, tivo a oportunidade de participar nunha demostración das aplicacións do sistema.
 
A Secretaría Xeral da Igualdade ofrece a teletraducción á rede de CIMs de Galicia, ás casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e ás entidades e ONGs que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido.
 
Ata o de agora, un total de 50 CIMs das catro provincias -19 da Coruña, 16 de Pontevedra, 9 de Ourense e 6 de Lugo- están adheridos ao sistema, que sigue aberto para os que no futuro desexen incorporarse. 
 
Unha comunicación verbal eficaz, determinante nos casos de violencia de xénero
Segundo datos do IGE correspondentes a 2010, en Galicia había 109.670 persoas estranxeiras, delas 54.447 mulleres. Estas novas características poboacionais derivadas da inmigración motivaron á Administración autonómica a mellorar as técnicas para unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa lingua.  A teletradución está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantaxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.
 
A través da plataforma de teletradución, estas mulleres teñen a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.
 
Poboación estranxeira en Marín
Actualmente o municipio de Marín conta cunha porcentaxe do 4% de poboación extracomunitaria. As nacionalidades da poboación estranxeira empadroada con maior número proceden de Marrocos con 119 mulleres, de Ghana con 30 mulleres e Colombia cun total de 24.
 

Do espectro de poboación atendida no Centro de Información ás Mulleres de Marín ao redor do 8 % son mulleres inmigrantes cunhas necesidades específicas e determinadas pola falta de recursos a nivel social agravados en moitos casos pola dificultade co idioma.