O ciclo audiovisual 'Creadoras galegas de imaxe' comeza hoxe en Ferrol

A iniciativa forma parte do convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e o Consello da Cultura Galega co obxectivo de visibilizar a presenza feminina na creación artística

Santiago, 6 de novembro 2012. Esta tarde da comezo en Ferrol a II edición do ciclo “Creadoras galegas de imaxe” no marco da colaboración asinada o pasado mes de xuño entre a Secretaría Xeral da Igualdade e o Consello da Cultura Galega para desenvolver accións dirixidas a fomentar e visibilizar a presenza das mulleres galegas no ámbito da creación cultural e artística.

Baixo o lema "A construción do relato ideado" o programa, que se celebra ata o vindeiro día 8 no Centro Sociocultural de Novacaixagalicia, céntrase na produción de creadoras galegas que traballan nos xéneros cinematográficos de ficción, documental e animación. A mostra inclúe a exhibición dunha decena de producións audiovisuais dirixidas por cineastas galegas e reflicte as súas achegas ao audiovisual, no que se rexistra un incremento cuantitativo e cualitativo da presenza feminina cunha progresiva participación de directoras, cámaras, guionistas, montadoras ou realizadoras.

A implicación da Secretaría Xeral da Igualdade nesta iniciativa obedece á gran potencialidade da cultura e da creación artística como plataforma para a consecución da equidade social e responde á obriga das administracións de velar por facer efectivo o principio de igualdade en todos os ámbitos de actividade, tamén no relativo á creación e produción cultural, artística e intelectual, á difusión da mesma, e a asegurar a visibilidade das mulleres na oferta creativa.

Contido: