O Arquivo de Galicia réndelle homenaxe á muller coa exposición ‘Música en feminino’

A mostra enmárcase no proxecto ‘Mulleres sobranceiras’, que busca darlle visibilidade e poñer en valor o papel desenvolvido polas mulleres na sociedade

No acto de presentación participaron a secretaria xeral de Igualdade e o secretario xeral de Cultura

  • No acto de presentación participaron a secretaria xeral de Igualdade e o secretario xeral de Cultura
  • No acto de presentación participaron a secretaria xeral de Igualdade e o secretario xeral de Cultura
  • No acto de presentación participaron a secretaria xeral de Igualdade e o secretario xeral de Cultura
  • No acto de presentación participaron a secretaria xeral de Igualdade e o secretario xeral de Cultura
  • No acto de presentación participaron a secretaria xeral de Igualdade e o secretario xeral de Cultura

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2018.- A serie expositiva Mulleres sobranceiras do Arquivo de Galicia súmase, por terceiro ano consecutivo, á celebración do Día Internacional da Muller cunha exposición documental. Nesta ocasión, a mostra leva por título Música en feminino e recupera a memoria de mulleres que romperon barreiras sociais e temporais para poder desenvolver o seu traballo en campos reservados naquel tempo aos homes.

Mulleres sobranceiras pretende darlle visibilidade ao traballo e ao papel desenvolvido polas mulleres, á vez que contribúe a difundir a importancia dos arquivos como institucións garantes de dereitos e obrigas e da memoria da sociedade.

Durante o acto de presentación, a secretaria xeral da Igualdade apelou á importancia de facer visible o papel que as mulleres desenvolven en todos os ámbitos da sociedade galega, incluída a cultura. López Abella apelou a seguir poñendo en marcha iniciativas que visibilicen o talento e traballo das mulleres galegas en todos os campos artísticos, así como a necesidade de recoñecer a valía das mulleres que foron pioneiras e romperon cos estereotipos. Destacou que con este tipo de actuacións conséguese un dobre beneficio: recoñecer a importante achega á sociedade que realizaron estas mulleres e dotar ás novas xeracións de novos referentes femininos.

A exposición, composta por 28 pezas, “ilustra os visitantes sobre o papel feminino no mundo da música, partindo da esfera doméstica á que estaban, en teoría, limitadas, para chegar ao plano profesional e intelectual da escena musical que ocupan na actualidade”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de apertura da mostra, que tivo lugar hoxe, martes, no Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.

No acto tamén participaron a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; as subdirectoras xerais de Arquivos e de Bibliotecas, Marina García e Cristina Rubal, respectivamente, e a xefa do servizo de Arquivo, Mª Mar García, que conduciu, para rematar, a visita guiada á mostra.

Músicas adiantadas ao seu tempo

As pezas seleccionadas para a exposición pertencen ao fondo da Escola de Música da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, así como ao do músico Germán Lago Durán, recentemente doado ao Arquivo, de cuxa Orquesta Ibérica formaban parte algunhas mulleres. Outra parte da selección provén do fondo da Casa de Banco e Comercio Bengoechea, “polo carácter de apaixonado das artes e valedor de varias intérpretes de Ramón Bustelo, un dos seus membros”, explicou Anxo Lorenzo, quen quixo lembrar tamén a importancia das doazóns de arquivos particulares, que “redundan, sen dúbida, en beneficio do patrimonio documental de todas as galegas e galegos”.

Mulleres como Nemesia Courtier, filla do músico José Courtier, que se incorpora en 1905 como docente á Escola de Música da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, para substituír o seu pai enfermo. Pilar Monterde, cupletista e bailarina que chegará a ser profesora de danza do Real Conservatorio de Música e Declamación de Madrid, ou Elisa Grandío, guitarrista que formou parte da Orquesta Ibérica, son exemplos de mulleres que levaron a música máis alá do espazo doméstico e cotiá ao que estaban confinadas.

Tamén forman parte do elenco de mulleres sobranceiras representadas nos fondos documentais do Arquivo de Galicia Margarita Soto Viso, pianista, compositora, musicóloga e editora musical, ou a xaponesa Sada Koyama, gueixa, música e actriz nos albores do século XX e creadora da primeira escola para actrices no seu país.

Tema: