O 26% das persoas que acudiron ao servizo autonómico de atención psicolóxica para casos de violencia de xénero foron fillas e fillos de mulleres vítimas

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo hoxe en Santiago de Compostela un balance sobre os datos e os recursos autonómicos postos en marcha en 2021 polo Goberno galego para loitar contra a violencia de xénero

Galicia pechou 2021 cun incremento nas denuncias do preto do 3% e un aumento do 22,6% nos delitos contra a liberdade e intimidade sexual

Multimedia

 O 26% das persoas que acudiron ao servizo autonómico de atención psicolóxica para casos de violencia de xénero foron fillas e fillos de mulleres vítimas

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2022.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo hoxe balance en Santiago de Compostela dos datos e os recursos autonómicos postos en marcha o pasado ano para loitar contra a violencia de xénero. Das 1.169 vítimas que recibiron apoio psicolóxico por parte da Xunta, un 26,1% foron menores: 799 mulleres, 306 menores e 64 persoas dependentes. En global, atendéronse a un 28% máis de vítimas que en 2020 cando 913 mulleres e os seus fillos e fillas acudiron ao servizo de atención psicolóxica que presta a Consellería de Emprego e Igualdade para estes casos. A conselleira tamén fixo fincapé no programa Abramos o círculo, de atención psicolóxica a homes con problemas de control da violencia no ámbito da parella, a través do que se atenderon a 136 homes fronte aos 108 de 2020 (+20,5%).
Lorenzana, ademais, resaltou que case un millar de mulleres recibiron os apoios con carácter anual que outorga a Xunta nun pagamento único (324 beneficiarias) e a axuda económica mensual que presta ás vítimas e que pode chegar ata os 800 euros ao mes -resultaron beneficiarias 612 vítimas-. Sobre este último recurso, é preciso lembrar que Galicia é a primeira comunidade autónoma en contar cun apoio económico mensual e ininterrompido todo o ano. Destacou tamén que chegaron a 13 mulleres as indemnizacións recoñecidas por sentencia xudicial e que o Goberno galego aboa cun importe máximo de 6.000 euros cando existe incumprimento por insolvencia por parte do condenado.

Consultas nos CIM

Doutro lado, indicou que os 84 Centros de Información á Muller (CIM), que apoia economicamente a Xunta, recibiron en 2021 un total de 14.415 consultas específicas en materia de violencia de xénero, un 8,19% que en 2020 o que, en palabras da conselleira, “dá conta da boa reputación e da confianza que están a ter as galegas e os galegos neste servizo de proximidade”.
Ao longo de 2021, ademais, deriváronse 21 casos de violencia de xénero aos centros especializados de recuperación e a taxa de ocupación na rede de centros de acollida foi do 53,73% fronte ao 71,8% de 2020. Ademais, o teléfono de información ás mulleres 900400273, que está conveniado co 016, recibiu 3.180 chamadas, un 4,68% menos que en 2020, procedendo a metade da provincia da Coruña. O servizo máis demandado foi o de atención psicolóxica, ao igual que xa ocorrera o ano pasado, cun 43% do total, seguido da categoría de recursos económicos cun 27%.
Os servizos de teletradución, pola súa banda, foron máis solicitados que en 2020 cun 24,65% máis de consultas (4.998 en 2021), representando as traducións do árabe, marroquí e do ucraíno máis da metade; e o servizo de asesoramento xurídico en liña recibiu 46 consultas cunha temática moi variada, aínda que cunha maior incidencia na asistencia xurídica gratuíta (26%), seguida da violencia de xénero (23,9%).
A Xunta tamén outorga axudas para a contratación de vítimas de violencia de xénero. O pasado ano 155 mulleres atoparon un traballo a través do programa de inserción laboral e os apoios aos concellos e ás entidades sen ánimo de lucro destinados a este fin.
Con respecto aos datos, Galicia pechou 2021 cunha vítima mortal por violencia de xénero -en 2020 houbo tres casos- e as denuncias aumentaron en case un 3% producíndose 6.259 denuncias o pasado ano fronte as 6.078 de 2020. As medidas de protección nos xulgados diminuíron nun 5,92% rexistrándose un total de 1.064.
A conselleira na súa intervención fixo especial fincapé nos datos de violencia sexual amosando a súa preocupación, xa que os últimos datos dispoñibles do Ministerio do Interior amosan un incremento destes delitos. En 2021 houbo 707 delitos contra a liberdade e intimidade sexual fronte aos 547 de 2020, o que supón un aumento do 22,6%.

Contra a violencia sexual e vicaria

A Xunta para paliar esta lacra, dentro das súas competencias, ten en marcha o programa de intervención con mulleres vítimas de abuso e violencia sexual, que se desenvolve coa Fundación Meniños (en 2021 atendéronse 83 casos); un programa de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral, dirixidos a persoas en situación de explotación sexual e/ou vítimas de trata (626 persoas beneficiarias); e vivendas de seguridade para mulleres vítimas de explotación sexual e trata por todo o territorio, que contaron o pasado ano con 27 usuarios (24 mulleres e tres menores).

A titular de Emprego e Igualdade, ademais, avanzou que a Xunta investirá 4,7 millóns de euros na posta en marcha de catro centros de atención 24 horas, un por provincia, para prestar acompañamento ou atención psicolóxica ou social ás vítimas de violencia sexual.

No balance feito, a conselleira tamén recordou as modificacións lexislativas feitas o pasado ano grazas ao consenso de todas as forzas políticas para incluír en Galicia a violencia vicaria e dixital na Lei, un feito que permite ampliar a marxe de acción para previr e tratar a violencia de xénero nas súas múltiples formas; e tamén apuntou que a Xunta traballa para ampliar os esforzos e liñas de actuación á xente moza

Para rematar, sinalou que no que vai de ano 2022, o Goberno galego xa activou 16,1 millóns para loitar contra a violencia de xénero e apoiar ás mulleres especialmente vulnerables. “A prevención constitúe o noso principal foco de atención á hora de poñer en marcha políticas neste eido, aínda que estamos ao carón de que máis o precisa e sempre que o precise”, apuntou Lorenzana e, así, valorou positivamente o amplo abano de servizos que a Xunta pon a disposición das vítimas de violencia de xénero e que abarcan desde axudas económicas directas ata servizos de atención e acompañamento.

“É necesario que as mulleres saiban que non están soas para facer fronte a esta lacra e que estamos para apoialas e axudalas”, engadiu. Así mesmo, apuntou que a suma de esforzos é clave para erradicar esta lacra e, neste senso, puxo en valor a coordinación e colaboración entre organizacións, institucións, concellos e outras entidades.