Nove entidades sociais reciben 450.000 euros da Xunta para desenvolver programas para apoiar e favorecer a integración sociolaboral de 600 vítimas de trata

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para desenvolver intervencións integrais coas mulleres e nenas vítimas de trata e explotación sexual

Os apoios destinaranse a accións de atención inmediata, recuperación, asesoramento xurídico, laboral e social

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022.-

A Consellería de Emprego e Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para que desenvolvan proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes e vítimas de trata. O Goberno galego destina un total de 449.998 euros a apoiar actuacións de nove organizacións, o que permitirá chegar a atender 600 persoas vítimas.

As entidades beneficiarias na presente convocatoria son Aliad-Ultreia de Lugo, Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e de Ourense, a orde das Hermanas Oblatas del Santísimo Redentor de Ferrol, Faraxa pola abolición da prostitución, Cruz Roja Española, Ecos do Sur, Fundación Solidaridad Amaranta e Médicos del Mundo.

A Xunta apoia así proxectos de atención inmediata ás vítimas desta lacra en resposta aos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais. No marco desta orde tamén se financian accións de asesoramento social e asistencia en trámites administrativos, atención psicolóxica ou de orientación e asesoramento xurídico e laboral, entre outras.

A Xunta brinda cobertura, ademais, aos programas de atención a pé de rúa, co obxectivo de chegar aos lugares onde se poden atopar persoas vítimas de trata de seres humanos para ofrecerlles información sobre os recursos cos que contan.

Na presente convocatoria as axudas cobran especial relevancia para dar cobertura á necesidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas cuxa situación se viu agravada como consecuencia da pandemia.  De feito, as contías contan con cofinanciación dos fondos sociais europeos, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á crise sanitaria. 

Galicia considera por lei a trata de mulleres e nenas como forma de violencia de xénero dándolles acceso aos apoios económicos periódicos da Xunta.

Desde 2016 a Xunta destinou a esta orde de acudas máis de 3 millóns de euros, o que permitiu atender a máis de 3.600 persoas grazas a estes apoios a entidades que traballan na atención directa a vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou laboral. O ano pasado resultaron beneficiarias un total de nove entidades que atenderon a 626 persoas.