A nova Lei de igualdade de Galicia introducirá o concepto de benestar laboral vencellado coa conciliación, o teletraballo e a prevención de riscos

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe o congreso ‘Igualdade, conciliación e RSE como motores da empresa’

Incidiu na necesidade de introducir a perspectiva de xénero nas contornas de traballo e referendou o compromiso da Xunta coa igualdade laboral en pemes e autónomos que en dous anos recibirán apoios por 4 millóns de euros

  • A nova Lei de igualdade de Galicia introducirá o concepto de benestar laboral vencellado coa conciliación, o teletraballo e a prevención de riscos
  • A nova Lei de igualdade de Galicia introducirá o concepto de benestar laboral vencellado coa conciliación, o teletraballo e a prevención de riscos
  • A nova Lei de igualdade de Galicia introducirá o concepto de benestar laboral vencellado coa conciliación, o teletraballo e a prevención de riscos

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022. - 

A nova lei autonómica de igualdade, que a Xunta está a tramitar, introducirá o novidoso concepto de benestar laboral relacionado coa conciliación e a perspectiva de xénero en contornas de traballo; un aspecto que hoxe quixo valorizar a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na inauguración do congreso Igualdade, Conciliación e RSE como motores da empresa, organizado por Galicia Jóvenes Empresarios (AJE) co apoio da Xunta.

A normativa incluirá como novidade o concepto de benestar laboral, ao que se vencellarán as políticas de conciliación e un conxunto de medidas para garantir a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ámbito do traballo, entre as que se inclúen o teletraballo, as substitucións por maternidade e a prevención de riscos con perspectiva de xénero, entre outras. “A nova lei avanzará no concepto de benestar laboral, ao que dedicaremos un capítulo enteiro, e que está directamente vencellado coa calidade do emprego feminino”, especificou Lorenzana.

A conselleira avanzou tamén que a Xunta está a rematar as bases da nova Certificación galega de excelencia en igualdade para empresas, un distintivo que “diferenciará a aquelas organizacións comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes, que destaquen na aplicación de políticas igualitarias, coa finalidade de recoñecer publicamente o seu labor e exemplo de boas prácticas”.

“Temos que seguir traballando en prol dunha sociedade máis corresponsable e dun tecido empresarial que racionalice os tempos de dedicación ao traballo, para unha mellor compatibilización dos ámbitos laboral, persoal e familiar”, aseverou a conselleira.

O Goberno galego está a reforzar os apoios á igualdade laboral e, en dous anos, 2021 e 2022, terá destinado 4 millóns de euros a apoiar a pemes e autónomos para promovela, así como favorecer a conciliación e fomentar a Responsabilidade Social Empresarial. Ademais este ano destinaranse máis de 16 millóns de euros, o triplo que en 2021, en apoios transversais á conciliación e á corresponsabilidade.

Indicadores de desigualdade

Lorenzana lembrou algún dos indicadores que constatan que aínda queda camiño por percorrer para facer da igualdade laboral unha realidade, como que só o 31% das mulleres en España teñen postos de responsabilidade en grandes empresas; que o 90% das excedencias por coidado de fillos son realizadas por traballadoras; e un 75% das reducións de xornada tamén promovidas por elas.

Referiuse a conselleira tamén aos resultados dunha enquisa recente presentada polo club Malasmadres, presente no congreso, que concreta que as mulleres nais e traballadoras asumen custos laborais, persoais e emocionais. Así, unha de cada dúas mulleres sufriu algunha perda salarial ao se converter en nai; o 65% recoñecen ter menos dunha hora libre ao día; e o 73% séntese cansada a diario como resultado das responsabilidades que asume.

“Debemos mellorar a sensibilización da sociedade e aumentar a concienciación das empresas”, dixo Lorenzana, quen vencellou o benestar laboral coa produtividade das empresas, con alusión ao dato da Organización Internacional do Traballo que indica que 6 de cada 10 empresas que promoven a igualdade laboral aumentaron os seus beneficios entre un 5% e un 20%.

Tema: