Non chega con facer plans de igualdade nas empresas, é preciso o compromiso de levalos á práctica con efectividade

Avanzar nas áreas da educación e da conciliación é fundamental para lograr unha igualdade real de participación de mulleres e homes no mercado laboral. Un mellor equilibrio entre mulleres e homes na educación e no mundo do traballo podería contribuír a unha maior igualdade e uniformidade nas condicións de traballo duns e doutras, a unha maior igualdade a nivel salarial e a unha redistribución das responsabilidades máis beneficiosa.

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, defendeu hoxe que os plans de Igualdade nas empresas son unha boa ferramenta para consolidar a plena inserción laboral das mulleres en igualdade de oportunidades, pero non chega con facelos, é preciso levalos á práctica con efectividade, e para iso requírese do compromiso e da implicación de todas as persoas partícipes na empresa.

Na súa intervención na "Xornada de Acción Positiva en Materia de Igualdade de Trato e de Oportunidades", organizada pola eléctrica Endesa en As Pontes, Marta González, falou dos obstáculos que aínda persisten para lograr que as mulleres accedan ao mercado laboral en igualdade de oportunidades cos homes, pero tamén resaltou os beneficios da presenza das mulleres no mercado laboral, indicando que o mellor camiño a seguir para lograr un mercado laboral realmente igualitario é o compromiso de executar efectivamente os plans de igualdade.

A secretaria xeral afirmou que para conseguir unha igualdade real de participación no mercado laboral entre mulleres e homes, hai que avanzar en dúas áreas fundamentais: a conciliación e a educación, para acabar cos estereotipos sexistas que favorecen a segregación laboral.

Conciliación e educación

As mulleres, argumentou, son as que maioritariamente asumen as responsabilidades familiares e domésticas, e iso limita o acceso ao traballo en igualdade e favorece que sexan elas as que teñan os empregos máis precarios. Por iso, "é fundamental que melloren as condicións para que se dea a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e que as responsabilidades familiares se repartan equitativamente entre mulleres e homes, para evitar que o desenvolvemento persoal e profesional non se convirtan en heroicidades cotiás".

Na educación, dixo, o traballo debe centrarse en conseguir que desaparezan os estereotipos que seguen incidindo na elección profesional tanto das mulleres como dos homes.

A segregación de xénero existente no mercado laboral "é consecuencia dunha educación na que prima máis o sexo das persoas que as súas calidades ou preferencias". Isto tradúcese despois en que "a maior presenza feminina nas universidades, non se reflicte directamente nos postos que conseguen no mercado laboral" porque, ata agora, as mulleres traballan sobre todo en sectores e profesións tradicionalmente consideradas "femininas" e permanecen en categorías laborais máis baixas.

Unha situación, dixo, que favorece a brecha salarial entre sexos, que en España está nunha media do 26% menos. Sen esquecer que, ao ser máis probable que traballen por horas e interrompan a súa carreira por motivos familiares, enfróntanse a consecuencias negativas en canto ao seu salario, ao desenvolvemento da súa carreira e aos dereitos de pensión acumulados. E isto, lembrou, tamén ten consecuencias no risco de pobreza, especialmente para as familias monoparentais, na súa maioría a cargo de mulleres, (taxa de risco de pobreza do 32%) e as mulleres maiores de 65 anos (taxa de risco de pobreza 21%, un 5% máis que os homes).

Plans de igualdade efectivos

A secretaria xeral da Igualdade afirmou que esta situación supón que "nestes tempos de crise económica, as mulleres son as máis afectadas", por ter traballos precarios baseados en contratos a corto prazo. Por iso, "é crucial seguir incorporando a igualdade de xénero ao conxunto das políticas sociais e de emprego, e proseguir os esforzos para suprimir os obstáculos á participación plena das mulleres e os homes no mercado laboral".

A crecente participación das mulleres no mercado laboral é importante porque é unha garantía para a súa independencia económica e para a súa participación en igualdade de condicións cos homes na nosa sociedade, pero tamén supón "unha contribución substancial ao desenvolvemento económico e á permanencia dos sistemas de protección social" por iso a "alternativa feminina ten consecuencias importantes de transformación da situación social", argumentou a responsable de igualdade do goberno galego.

Os plans de igualdade nas empresas son o punto de partida para a consolidación da plena inserción laboral das mulleres en igualdade de oportunidades. Sen embargo, dixo Marta González, "adecuar as políticas empresariais á esixencia da igualdade entre homes e mulleres, non consiste só en realizar un Plan de igualdade sobre o papel, é preciso levalo á práctica con efectividade, e para iso se require do compromiso e da implicación de todas as persoas partícipes na empresa".

Para iso, os plans de igualdade empresariais deberán ser adecuados ás características da empresa e á situación das mulleres; realistas con respecto aos recursos existentes, viables a través de fórmulas correctoras de desigualdade concretas e aplicables, asumibles dentro das actuacións da propia empresa e apoiados mediante o compromiso de quen ostentan a máxima responsabilidade na empresa.

Marta González rematou a súa intervención lembrando que "as mudanzas non se conseguen dun día para outro" e retou a Endesa a que "sexa pioneira na implantación definitiva e integral do seu plan de igualdade, e dea un paso máis para que o artigo 14 da nosa Constitución, que recolle o principio de igualdade formal, sexa unha realidade".

Colectivo: