As mulleres no mercado laboral son unha garantía para o desenvolvemento económico e a permanencia da protección social

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, defendeu hoxe, na clausura da I Xornada Internacional Woman in Business 3.0, a importancia do papel das mulleres no mercado laboral como garantes do desenvolvemento económico e da permanencia da protección social.

  • As mulleres no mercado laboral son unha garantía para o desenvolvemento económico e a permanencia da protección social
  • As mulleres no mercado laboral son unha garantía para o desenvolvemento económico e a permanencia da protección social

Na súa intervención, Marta González indicou que "a crecente participación das mulleres no mercado laboral supón tanto unha garantía para a súa independencia económica como unha contribución sustancial ao desenvolvemento económico e á permanencia dos sistemas de protección social".

Ademais, indicou, "hoxe é unánime o recoñecemento de que o progreso das sociedades só se verá garantido se as mulleres desempeñan un papel de primeira orde na vida económica desenvolvendo as súas capacidades non explotadas".

E de feito, dende as diferentes instancias a nivel internacional, europeo, estatal, autonómica e provincial, "téñense elaborado e consensuado propostas de actuación para garantir os iguais dereitos, e a inclusión plena e igualitaria das mulleres na actividade laboral e empresarial establecendo medias concretas que deben adoptar as empresas".

De feito, a Xunta de Galicia, no ámbito do seu compromiso na eliminación contra a discriminación entre mulleres e homes no eido laboral e formativo, ten programas para potenciar o emprego feminino e estimular as mulleres emprendedora galegas, como son o de microcréditos ou o EMEGA, que teñen como obxectivo financiar, apoiar e estimular as mulleres que desexen levar a cabo unha actividade empresarial.

A secretaria xeral de Igualdade recoñeceu que aínda que "existen obstáculos" a alternativa feminina "é un fenómeno que se está producindo de forma irreversible, e esta incorporación masiva das mulleres á vida económica ten consecuencias relevantes, pois pon de manifesto a necesidade de levar a cabo cambios nas concepcións máis tradicionais do que é a empresa". Por iso, indicou, "é necesario acelerar as transformacións tendentes a impregnar do principio de igualdade as accións empresarias que beneficiará ao persoal traballador, aos cargos directivos, homes e mulleres, e á propia organización".

As traballadoras, compoñentes esenciais

Hoxe en día, sinalou Marta González, "as traballadores e traballadores teñen un valor indiscutible para as empresas, conforman o seu máximo capital, e o papel das mulleres na nova concepción empresarial é definitivo pola súa capacidade de achegar un enfoque que fai valorar os recursos humanos como o verdadeiro e principal motor do cambio económico" e por iso, ante os novos retos da economía, as empresas "non poden prescindir das traballadoras como compoñentes esenciais para determinar o éxito e a eficacia".

Ademais, nestes momentos de cambio "requírese das achegas das mulleres para acadar o éxito empresarial, especialmente a través da súa incorporación aos postos directivos das empresas, pois os novos retos esixen novos modelos de actuación empresarial".

Nese eido, avogou Marta González, as empresas galegas, atendendo aos obxectivos de eficacia e eficiencia, "deben adoptar medidas correctoras que permitan erradicar o inxusto peso da discriminación laboral que as mulleres soportan dende fai séculos, xa que iso lles reportará beneficios, non só sociais, se no tamén económicos".

Esta primeira xornada internacional Woman in Business ten como obxectivo axudar a tomar conciencia do gran rol que teñen as mulleres na evolución do sistema empresarial cara a organizacións con visións integrais que busquen aportar valor e marcar a diferenza a través dun comportamento xusto e harmónico co entorno onde se desenvolve a súa función empresarial.