A médica Carmen Navarro recibirá o premio María Josefa Wonenburger da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia

Este galardón, que leva o nome da matemática galega María Josefa Wonenburger Planells, pioneira no campo da álxebra, recoñece os méritos científicos e o impacto social das mulleres nos eidos da ciencia e a tecnoloxía.  A premiada, Carmen Navarro, é directora do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo e xefa do Servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía do Hospital de Vigo (Meixoeiro) e unha experta na investigación de enfermidades neuromusculares, prionopatías e das enfermidades lisosomais de depósito.

A biomédica galega Carmen Navarro Fernández-Balbuena recibirá hoxe xoves 16 de decembro, no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, o premio María Josefa Wonenburger Planells da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, que recoñece os méritos científicos e o impacto social da muller nos eidos da ciencia e a tecnoloxía.

Navarro é gañadora da edición deste premio no 2010, que foi creado hai catro anos para recoñecer e visibilizar a traxectoria relevante de mulleres nos eidos da ciencia e a tecnoloxía, e recibe o nome de María Josefa Wonenburger Planells en homenaxe á matemática coruñesa.

A Unidade Muller e Ciencia, que outorga o premio, concedeulle o galardón a Carmen Navarro, directora do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo e xefa do servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Meixoeiro), xa que "a súa traxectoria amosa un intenso esforzo e unha continua preocupación pola investigación e porque os avances acadados se reflictan en melloras da situación das persoas enfermas".

Navarro, cuxa traxectoria investigadora é longa e brillante, "aúna esforzos en dous campos tan importantes como a xestión e a investigación, sen que esta tarefa lle impida  traballar, como médica, nos aspectos humanos da atención, realizando proxectos solidarios de investigación coas asociacións de pacentes de enfermidades raras e neuromusculares que requiren da investigación para mellorar os métodos diagnósticos e de tratamento, e que inciden directamente na calidade de vida de moitas persoas, un dos grandes retos aos que se enfronta actualmente a medicina".

Ademais, sinalou o xurado, Carmen Navarro é unha muller recoñecida a nivel nacional e internacional polos seus traballos de investigación, sendo considerada unha referencia mundial na área da neurociencia, sen esquecer que "a súa dedicación foi fundamental na creación do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo".

Carmen Navarro, concluíu o xurado na súa argumentación "é unha muller loitadora para potenciar a investigación biomédica en Galicia e en España" sendo polo tanto considerada como idónea para recibir o Premio María Josefa Wonenburguer Planells 2010, da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia.

A cerimonia

A cerimonia de entrega do premio terá lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGac) en Santiago de Compostela, e estará presidida pola Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, que entregará o premio en nome do Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijoo. No acto tamén estarán presentes a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, o secretario xeral de Universidades, Xosé Alberto Díaz de Castro, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mª del Mar Pereira Álvarez, o director xeral de Innovación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), Ricardo Capilla Pueyo, e a Presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, entre outras autoridades.

Tamén asistirán varias das mulleres premiadas en anos anteriores –que foron Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física da USC; María Teresa Miras Portugal, Presidenta da Real Academia de Farmacia e María Soledad Soengas, xefa do Grupo de melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas. Asistirán tamén numerosos representantes do mundo académico, científico e sanitario.

O acto será conducido pola xornalista Irene Lourido e contará coa actuación musical do grupo de música Lulavai.
A "Laudatio" á galardoada pronunciaraa José Ramón Ricoy Campo, Neuropatólogo do Hospital  12 de Octubre, ex-director do Fondo de Investigación Sanitaria, que foi compañeiro da premiada.

No seu discurso de aceptación, Navarro falará sobre "A investigación no hospital: unha necesidade".

Biografía da premiada

Carmen Navarro estudou medicina e ciruxía na Universidade de Madrid e doutorouse en medicina e ciruxía na Universidade de Barcelona. Formouse en neuroloxía na LSU School of Medicine, New Orleans, USA, e en neuropatoloxía na Born-Bunge  Foundation, Amberes, Bélxica e na Wickford, U.K. Ademais obtivo bolsas de ampliación de estudos no Bunge Institute de Amberes e na Columbia University de Nova York, USA.

A súa traxectoria profesional comezou como adxunta de Neuropatoloxía no Hospital Vall de Hebrón de Barcelona, onde foi xefa de sección. No ano 1991, chega a Galicia como xefa do servizo de Anatomía Patolóxica e Neuropatoloxía, do C.H.U. de Vigo (Meixoeiro), centro de referencia para Neuropatoloxía na Comunidade Autónoma dende 1996 e de Prionopatías dende 2001, cargo que aínda ocupa hoxe.

Directora científica do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, tamén é membro do Grupo de Traballo de Vixilancia Epidemiolóxica de EETH e do Comité Institucional da Estratexia en Enfermidades Raras do SNS, por designación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, ademais de profesora asociada en Ciencias da Saúde na Universidade de Santiago de Compostela.

Carmen Navarro colabora en dez proxectos de investigación e realizou máis de 24 como investigadora principal, dentro e fora de España. As súas principais liñas de investigación céntranse nas enfermidades neuromusculares, as prionopatías e as enfermidades lisosomais de depósito.

Na área das enfermidades neuromusculares abordou investigacións sobre a neuropatía de fibra pequena estudada con biopsia cutánea, sobre a desproporción conxénita de tipos de fibras musculares, sobre a miopatía aguda do paciente crítico, sobre a distrofia muscular de cinturas asociada a unha neuropatía hereditaria sensitivo-motora na poboación cigana de Galicia (o que representa a descrición dunha nova enfermidade) e sobres as rutas de sinalización e os mecanismos moleculares implicados nas miopatías conxénitas.

Na área das enfermidades lisosomais de depósito abordou o diagnóstico, a monotorización terapéutica e a procura de novos marcadores biolóxicos nestas enfermidades, ao tempo que profundou no estudo da enfermidade de Fabry e o efecto do seu tratamento con agasidasa alfa, e nas bases moleculares da enfermidade de Lafora.

Froito desas investigacións son as máis de de 134 publicacións, das que o 70% foron publicadas en revistas internacionais, do tipo Neurology, Annals of Neurology y Archives of Neurology, e máis de 20 libros e capítulos de libros.

Traxectoria de Josefa Wonenburger

María Josefa Wonenburger Planells (A Coruña, 1927) estudou Ciencias Exactas na Universidade Complutense de Madrid e, en 1953, trasladouse a Estados Unidos para especializarse en álxebra cunha bolsa Fulbright. Na Universidade de Yale leu a tese de doutoramento, dirixida por Nathan Jacobson, un dos mellores alxebristas do momento, e iniciou unha brillante traxectoria nesta materia como profesora en diferentes universidades –Toronto, Búfalo, Bloomington (Indiana)– e como directora de teses, entre elas a do matemático Robert V. Moody, en 1966. Da súa man, Moody iniciou na súa tese a teoría coñecida como Álxebras de Kac-Moody, con aplicacións en Física e noutros campos das Matemáticas. Volveu á Coruña, onde reside, en 1983.

As outras premiadas

A primeira galardoada con este premio foi a científica galega Inmaculada Paz Andrade, catedrática de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. Destaca, entre outros moitos méritos, porque introduciu en España os estudos de Microcalorimetría, área da que é unha especialista a nivel mundial, como tamén o é de Termoxénese e Análise Térmica Diferencial. Un dos seus grandes éxitos profesionais foi a creación e dirección dun grupo de prevención e extinción de incendios forestais en Galicia e no que se incluíron investigadores das tres universidades galegas e do CSIC.

Inmaculada Paz Andrade ten un extenso currículo académico e profesional: é Visiting Research Professor da Universidade de Manchester, Académica da Academia de Ciencias Exactas, Físico-Químicas e Naturais de Granada, Presidenta da Sección de Galicia da RSEF, Presidenta do Consello Presidencial EUROSTAR, Premio Galicia de Investigación Científico Técnica, Insignia de Ouro da USC, e Medalla da Real Sociedade Española de Física, entre outros.

Na segunda edición a premiada foi a galega María Teresa Miras Portugal, catedrática e directora do Departamento de Bioquímica e Bioloxía molecular da Universidade Complutense de Madrid. É presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, foi investigadora principal en máis de 30 proxectos e publicou máis de 200 traballos, a maior parte deles en revistas internacionais. Ocupa postos de responsabilidade en numerosas sociedades científicas nacionais e internacionais, é editora científica dos Anales, e foi presidenta do Relatorio IV da Comisión Interministerial da Ciencia e Tecnoloxía (1996-1997) e membro do xurado do Premio da Xuventude Científica da Comunidade Europea, así como do Premio Rey Jaime I e do Príncipe de Asturias, en varias edicións.

Na pasada edición o premio foi para a científica galega Marisol Soengas, xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIIO), e unha experta na análise molecular dos mecanismos de iniciación e progresión do cancro. A investigación no seu grupo está enfocada ao melanoma maligno, unha patoloxía quimiorresistente, e de pronóstico desalentador. En colaboración directa con dermatólogos e patólogos, o laboratorio de Soengas identificou alteracións xenéticas e epixenéticas en procesos de morte celular (apoptosis), senescencia e degradación autofáxica, que controlan a agresividade do melanoma. Estes resultados serviron para o deseño de terapias moleculares que están en fase de avaliación en modelos experimentais. O obxectivo global do Grupo de Melanoma do CNIO é trasladar a investigación básica á clínica, para mellorar o diagnóstico e o tratamento do melanoma.