Marta González resalta a importancia do Rexistro de Parellas de Feito como instrumento para "a consecución dunha Administración Pública eficaz e eficiente"

A secretaria xeral da Igualdade destaca, no ano de vida deste rexistro, a utilidade dunha ferramenta que mellora o primeiro paso que supuxo no seu día "a creación de rexistros de parellas a nivel municipal".

  • Marta González resalta a importancia do Rexistro de Parellas de Feito como instrumento para "a consecución dunha Administración Pública eficaz e eficiente"
  • Marta González resalta a importancia do Rexistro de Parellas de Feito como instrumento para "a consecución dunha Administración Pública eficaz e eficiente"
  • Marta González resalta a importancia do Rexistro de Parellas de Feito como instrumento para "a consecución dunha Administración Pública eficaz e eficiente"

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, quixo aproveitar o acto inaugural das xornadas sobre o Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, que se desenvolven hoxe e mañá na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), para resaltar a importancia deste instrumento como ferramenta útil de cara "a consecución dunha Administración Pública eficaz e eficiente".

Neste sentido, as xornadas servirán para profundar na eficacia dun rexistro que, da man da Lei 10/2007, permite na nosa Comunidade que as consecuencias que a Lei 2/2006 de dereito civil de Galicia atribúe ó matrimonio, sexan aplicables igualmente a aquelas parellas que, sen ser matrimonio, se inscriban en dito rexistro. "Estas xornadas recollen importantes aspectos sobre a Lei 10/2007, que equipara co matrimonio as relación maritais mantidas con intención ou vocación de permanencia, co que se estenden aos membros da parella os dereitos e as obrigas que esta lei lles recoñece aos cónxuxes", explica González.

Así, a creación deste rexistro, regulado polo Decreto 248/2007, supón un novo avance na supresión das distintas barreiras sociais en materia de igualdade. "Un primeiro paso de cara a eliminación dos distintos tratos existentes entre parellas non legalizadas e matrimonios -engade González- foi a creación de rexistros de parellas a nivel municipal". Nestes podíanse inscribir as unións de convivencia non matrimonial, incluso as do mesmo sexo, alcanzando os mesmos dereitos diante da administración local, en cuestións como acceso a vivenda, subvencións, axudas de estudo de fillos e fillas, bolsas, exencións fiscais.

Ademais, tal e como lembra Marta González, o Rexistro de Parellas de Feito iguala a Galicia con "outras comunidades autónomas onde se teñen aprobadas leis de parellas de feito que equiparan o matrimonio e as unións de feito no eido do dereito público autonómico, quedando fora, evidentemente, todas as materias de competencia do Estado como herdanzas ou seguridade social".

Unha formación necesaria

Así mesmo, desde a Secretaría Xeral da Igualdade quérese subliñar a importancia da inclusión na esfera pública deste tipo de temas relacionados coa igualdade, así como a formación nos mesmos de todo o persoal da Xunta de Galicia, e dos profesionais en xeral, aspecto no que xoga un papel destacado a EGAP. "É de agradecer que actualmente a Escola Galega de Administración Pública poña en marcha xornadas como a de hoxe, que promoven o debate e a reflexión sobre aspectos que afectan a Igualdade de dereitos entre mulleres e homes", comenta González. E é que este tipo de iniciativas permiten, sen dúbida, unha análise detallada "para a mellora da formación e a información de todas as persoas e participantes".