Marta González defende que a educación en igualdade é clave para frear a violencia de xénero entre a poboación máis moza

A sensibilización e a educación son as principais liñas de actuación da Secretaría Xeral da Igualdade para a prevención da violencia de xénero, especialmente entre a xente máis nova, xa que as cifras indican que o cambio xeracional non é suficiente. O Consello da Xunta da próxima semana aceptará a cesión do edificio do Concello de Santiago para acoller o Centro de recuperación integral para mulleres víctimas de violencia de xénero.

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, defendeu hoxe no Parlamento que a mellor estratexia para previr e frear o preocupante aumento de casos de violencia de xénero en mulleres mozas é a educación e a sensibilización da sociedade, unha vez que os datos parecen indicar que a solución a este problema non é só unha cuestión de cambios xeracionais.

Marta González respondeu á pregunta da portavoz parlamentaria para a xuventude e cooperación do Partido Socialista, Silvia Fraga Santos, sobre "a valoración da Xunta de Galicia dos datos relativos á violencia de xénero en mulleres mozas, as previsións respecto da posta en marcha dalgunha actuación específica, así como do deseño de medidas preventivas ao respecto".

A secretaria xeral da Igualdade recoñeceu a súa "preocupación" polo aumento de casos de violencia de xénero entre as persoas máis novas, de menos de 30 anos, tal como se manifestou nos datos relativos a 2009 e aos primeiros casos rexistrados en 2010. Pero, estes datos son "aínda máis preocupantes", dixo, "se temos en conta que se trata dun grupo de idade, no caso da poboación de orixe español, no que a convivencia na parella, e a erosión na relación á que esta da lugar, non é tan frecuente como noutras idades".

Marta González fixo referencia ao informe do Centro Reina Sofía, no que se indica que o 18,64% das 60 vítimas de violencia de xénero no ano 2009, que contabilizou este organismo, estaban nun tramo de idade entre os 15 e 24 anos, seguidas das mulleres que teñen entre 25 e 34 anos.

Estas cifras, dixo, indican que "a solución a este problema non é só cuestión de cambios xeracionais", tal como apuntaban as aproximacións máis optimistas ao fenómeno da violencia de xénero, que consideraban que o relevo xeracional sería o mecanismo fundamental para a eliminación da discriminación e da desigualdade para coas mulleres e con ela a eliminación da violencia de xénero.

Sen embargo, lembrou que a todos estes datos lles falta "unha análise pormenorizada, do peso que ten a inmigración no progresivo aumento da porcentaxe de casos de violencia de xénero entre a poboación máis nova", xa que non se pode esquecer que a proporción de xente nova entre a poboación inmigrante supera de xeito importante a porcentaxe de poboación nova entre a totalidade da poboación española, e que a maioría de poboación feminina inmigrante en España se atopa no tramo de idade que vai dos 25 aos 35 anos.

De feito, sinalou, "a poboación inmigrante está sobrerrepresentada en tódolos índices relacionados co fenómeno da violencia de xénero, e evidentemente non é alleo tampouco a este binomio xuventude-violencia".

A educación

Por todo isto, dixo, dende a Secretaría Xeral cremos que "a aposta pola educación en igualdade é unha das bazas para lograr a erradicación da violencia contra as mulleres na nosa sociedade, tanto na vida pública como na privada".

Nese eido, creouse en 1988 o Seminario Permanente de Educación en Igualdade, que desenvolve actuacións na área de formación do profesorado, das familias e do alumnado. Nas vindeiras semanas presentarase un informe de actuacións desenvolvido por este órgano desde o comezo da súa actividade, así como a programación prevista para o ano 2010.

Outra das actuacións que se levan a cabo dende a Secretaría Xeral da Igualdade é o programa RELACIONA, promovido polo Instituto de la Mujer, sobre a promoción dos vínculos de equidade nas relacións da xente máis nova, que se desenvolverá en varios centros educativos galegos.

Ademais, este ano iniciouse unha nova vía de colaboración coas oficinas de igualdade das universidades galegas, que van na liña da sensibilización e do envío da mensaxe da necesidade de igualdade e da prevención da violencia de xénero entre a poboación universitaria. Estas unidades foron creadas polas universidades galegas recentemente, pero non tiñan polo de agora demasiada actividade, ao estaren escasamente dotadas.

Tamén nos primeiros tres meses de 2010, indicou Marta González, materializarase un convenio de colaboración entre a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Secretaría Xeral da Igualdade, co obxectivo de desenvolver diferentes actuacións de prevención da violencia de xénero entre a poboación máis nova.

A sensibilización

Na área da sensibilización realizáronse distintas campañas, como a do pasado 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero, que tivo como público destinatario os nenos e nenas; ou a campaña publicitaria conveniada coa asociación galega de establecementos de hostalaría, para que adhesivos do Teléfono da Muller estean en todos os baños dos bares e restaurantes. Tamén a do 23 de setembro, Día Internacional contra a Trata de Mulleres con fins de explotación sexual, na que se creou unha rede galega contra a trata, "que está dando os seus primeiros pasos", lembrou a secretaria xeral.

A última campaña de sensibilización, realizouse con motivo do 14 de febreiro, día de San Valentín, en conxunto coa Dirección Xeral de Xuventude, destinada á poboación máis nova, que incidiu na necesidade de que as relacións de parella na xuventude sexan relacións igualitarias onde a violencia non teña cabida. A próxima será a do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, lembrou a secretaría xeral.

O Centro de Recuperación Integral

Ademais, Marta González anunciou que o Consello da Xunta da próxima semana analizará a aprobación do decreto no que aceita a cesión dun edificio cedido polo Concello de Santiago, para a creación do Centro de Recuperación Integral de Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, que leva un retraso de máis de catro anos, debido a numerosos problemas burocráticos entre o concello e o anterior goberno bipartito.

A lei 11/2007, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero contempla, no seu artigo número 49, a creación do Centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, que, según o texto legal, "desenvolverá un modelo de atención integral baseado nun sistema coordinado de servizos, recursos e medidas de carácter social, laboral e económico".

Este centro viría a completar un sistema legal de protección e asistencia fronte a violencia de xénero, que xa conta con outros instrumentos como a Rede Galega de Acollemento, o servizo de atención 24 horas, o Punto de Coordinación das ordes de protección, os puntos de encontro familiar e os Centros de Información as Mulleres.