Mañá dá comezo na EGAP o curso sobre 'Trata de seres humanos con fins de explotacións sexual'

Tratase do primeiro curso que se leva a cabo sobre este tema para persoal da Administración Pública de Galicia

Santiago, 20 de setembro de 2015.- Mañá da comezo na Escola Galega de Administración Pública o curso sobre “Trata de seres humanos con fins de explotación sexual: a nova escravitude do século XXI”, que terá lugar na sede da Escola ata o vindeiro 30 de setembro, e que leva a cabo a Secretaria Xeral de Igualdade. Tratase do primeiro curso que se leva a cabo sobre este tema e conta con 25 persoas pertencentes á Administración Pública de Galicia.

O contido do curso versará sobre o concepto e características da trata de seres humanos. Diferenzas entre tráfico ilegal de inmigrantes e trata de seres humanos. Relación coa violencia de xénero e a explotación sexual; a deconstrución do concepto de trata: mitos, estereotipos e prexuízos; e a persoa: vítima e supervivente, como traballar coas vítimas.

Outros dos temas a tratar serán a aplicación de medidas de protección e atención integral a vítimas de trata con fins de explotación sexual e os programas e recursos existentes a disposición das vítimas.

O curso será impartido por especialistas na materia, como a directora do programa de trata de Cáritas Ourense; a técnica do programa de trata de Médicos do Mundo; a presidenta e técnica do programa de trata da Asociación Faraxa; a psicóloga e traballadora social do programa de trata do centro Vagalume, e o inspector xefe do grupo UCRIF (Unidade Central de Redes Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais) da Brigada de Estranxería do Corpo Nacional de Policía.