Máis de 800 mulleres participaron en 2010 no programa Consumo e Xénero

A mellora das actitudes de respecto aos dereitos das persoas, a reflexión e a análise dos procesos que sustentan a actividade de consumo, foron algúns dos obxectivos. Nos seis meses que durou o programa realizáronse catro obradoiros diferentes nos que participaron un total de 860 mulleres de 43 asociacións de toda Galicia.

O programa Consumo e Xénero, organizado pola Secretaría Xeral da Igualdade e polo Instituto Galego de Consumo, adscrito á Consellería de Economía e Industria, da Xunta de Galicia, concluíu a súa actividade con grande acollida polas asociacións de mulleres, que encheron todas as xornadas e esgotaron as prazas dispoñibles.

Estas xornadas, que comezaron o 3 de maio e remataron o 23 de novembro, enmárcanse dentro do acordo de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral da Igualdade e Instituto Galego de Consumo no pasado 27 de abril, para profundar na reflexión e na análise da perspectiva de xénero vinculada ás relacións de consumo.

O obxectivo destas xornadas, nas que participaron 860 mulleres, membros de 43 asociacións de toda Galicia, foi sensibilizar e mostrar a situación de desequilibro e desigualdade que viven as persoas consumidoras, sobre todo no caso das mulleres, xa que a integración do enfoque de xénero no ámbito do consumo é indispensable na formación se o que se pretende, como é o caso, é lograr un cambio social ou un achegamento á igualdade entre as persoas.

O acordo asinado entre os dous departamentos, no que se enmarcaron estas xornadas, tiña por obxecto desenvolver un programa de actuacións formativas, dirixido aos distintos colectivos de mulleres participantes, en particular do mundo rural, coa meta de analizar o papel actual das mulleres no ámbito do consumo. Non se pode esquecer que, hoxe en día, neste campo, prodúcese ás veces un desequilibrio a favor dos provedores e provedoras, e en desvantaxe para as persoas consumidoras, podéndose dar, en consecuencia, un dobre menoscabo para as mulleres consumidoras.

Con este motivo, o programa de actividades buscou, ademais, obxectivos máis precisos, como o coñecemento dos dereitos das persoas como consumidoras, a mellora das actitudes de respecto aos dereitos das persoas, a reflexión e a análise dos procesos que sustentan a actividade de consumo e como inflúen nas relacións de xénero; a análise do papel da publicidade na perpetuación dos estereotipos sociais, na ‘cosificación’ das mulleres e na incitación á violencia de xénero, ou a educación nos valores do consumo responsable.

Catro talleres

Das 43 asociacións de mulleres que participaron, dezanove eran da provincia de Pontevedra (380 mulleres), cinco de Lugo (100 mulleres), cinco de A Coruña (260 mulleres), e trece de Ourense (260 mulleres).

As diferentes accións realizáronse nas instalacións da Escola Galega de Consumo. Realizouse unha xornada de formación con cada asociación. O número máximo de participantes en cada xornada foi de 40 persoas, e a súa duración ascendeu a catro horas lectivas, que se estruturaron en tres partes distintas: a construción das relacións de xénero, a construción das relacións de consumo, e o consumo en igualdade.

En cada xornada realizáronse catro obradoiros que se desenvolveron de forma rotativa para 40 persoas, contando cada obradoiro con 10 alumnas, de dúas asociacións. No primeiro obradoiro abordouse o tema da violencia na publicidade e particularmente a violencia de xénero, así como a repercusión da violencia que propón a publicidade sobre a nosa percepción e a perda do significado real de violencia de representación.

No segundo taller falouse sobre a diferenza entre sexo e xénero, as diferenzas na socialización a través da linguaxe, os hábitos de consumo na familia, a educación e os medios de comunicación. Así mesmo tratouse da responsabilidade das mulleres como consumidoras no eido da familia.

No terceiro fíxose un percorrido polos dereitos das persoas consumidoras, e o labor das asociacións dende a perspectiva de xénero. No último, falouse sobre ónde traballan as mulleres, facendo unha comparación da situación laboral de homes e mulleres, e das políticas de igualdade e de conciliación postas en marcha nos últimos tempos.

A avaliación dos resultados obtidos con estas xornadas realizarase a través dunha comisión mixta, creada polo propio acordo asinado entre a Secretaría Xeral da Igualdade e o Instituto Galego de Consumo.