Máis de 40 asociacións de mulleres optan ás vogalías do Consello Galego das Mulleres

O Consello configúrase coma unha canle de participación do sector feminino para, en colaboración coa Administración, avanzar nas políticas de igualdade e de non discriminación, así coma na erradicación da violencia de xénero

Santiago, 4 de novembro de 2013.- A Xunta vén de publicar no DOG o listado definitivo de asociacións e federacións de mulleres que optan a participar como candidatas e/ou votantes no Consello Galego das Mulleres.

Na modalidade de candidatas foron admitidas un total de 46 entidades de toda Galicia, a meirande parte delas (28 en concreto) son asociacións de mulleres que representan a colectivos do rural, 8 son asociacións de carácter xeral, 6 representan a colectivos con especiais dificultades, e as outras 4 representan a colectivos profesionais.

Canto ás entidades votantes (que serán as encargadas de elixir ás entidades candidatas que finalmente participarán no Consello) admitíronse un total de 49, das que 18 corresponden á provincia da Coruña, 13 a Lugo, 12 a Ourense e 6 a Pontevedra. Por contra, outras 8 entidades foron excluídas do proceso.

O Consello Galego das Mulleres é un órgano creado para exercer como canle de participación efectiva ao sector feminino a través de asociacións e entidades representativas dos seus intereses, para loitar contra a discriminación. Para conseguir tales fins, o Consello actúa como interlocutor ante a Administración autonómica e ante calquera institución ou entidade de carácter público ou privado, para o desenvolvemento de políticas públicas e medidas encamiñadas á consecución da igualdade entre mulleres e homes, e á erradicación da violencia de xénero.

A partires de hoxe, as entidades admitidas como votantes dispoñen de dez días hábiles de prazo para escoller cales das asociacións e federacións proclamadas candidatas participarán como vogais no Consello Galego das Mulleres. Cada entidade votante deberá elixir un mínimo de unha e un máximo de dúas entidades do censo de candidatas en cada un dos bloques das categorías especiais (que son organizacións profesionais, rurais e de atención a colectivos con dificultades). O resto das adhesións, ata completar o máximo de 15, deberán escollerse entre as entidades que figuren no bloque xeral.

Unha vez rematado o proceso de votación e o reconto definitivo dos votos, a Secretaría Xeral da Igualdade ditará unha resolución coas 15 entidades que resultaron finalmente elixidas para exercer as vogalías que lles corresponden no Consello Galego das Mulleres.

Cómpre salientar que as asociacións e federacións participantes neste procedemento deberon cumprir unha serie de requisitos coma o de estar formadas exclusivamente por mulleres, ter o seu domicilio legal en Galicia e constituírse como entes sen ánimo de lucro e cuxos fins específicos estean relacionados cos intereses das mulleres, entre outros.

Tema: