Máis de 200 profesionais galegos participan nunhas xornadas da Agasp sobre violencia de xénero e seguridade pública

O alumnado está composto por policías, voluntarios/as de protección civil, xuíces e xuízas, fiscais, psicólogos/as, universitarios/as e persoal dos máis de 50 CIMs galegos

Cobrará especial importancia a violencia de xénero en suxeitos especialmente vulnerables, como as mulleres inmigrantes ou as persoas que exercen a prostitución

Ampliarase o concepto de violencia de xénero ao abordar tamén a violencia sexual, o acoso físico ou stalking, o sexting e a trata de seres humanos

A Estrada (Pontevedra), 31 de maio de 2015.- A Academia Galega de Seguridade Pública acollerá esta semana unhas xornadas sobre violencia de xénero nas que participarán máis de 200 persoas, entre policías, voluntarios/as de protección civil, xuíces e xuízas, fiscais, psicólogos/as, universitarios/as e persoal dos máis de 50 CIMs de Galicia.

Estas xornadas de formación, comunicación, cooperación e colaboración en materia de violencia de xénero desenvolveranse entre os días 3 e 5 de xuño, en horario de mañá e tarde, baixo o título “Violencia de xénero e seguridade pública: avances e retos nunha loita polos dereitos das vítimas”.

Entre outros contidos, abordaranse a a percepción social da violencia de xénero, a tutela procesual e penal das vítimas, os programas de atención psicolóxica especializada, a intervención con homes violentos coas súas parellas e a valoración de risco e actuación das forzas e corpos de seguridade ante a violencia de xénero.

Así mesmo, cobrará especial importancia a análise da violencia de xénero en suxeitos especialmente vulnerables, como poden ser as mulleres con discapacidade intelectual, inmigrantes ou persoas que exercen a prostitución; e a ampliación do concepto de violencia de xénero, ao tratar tamén a violencia sexual, o acoso físico ou stalking, o sexting e a trata de seres humanos.

Entre as persoas encargadas dos relatorios destaca a presenza de fiscais e maxistrados/as especializados/as en violencia de xénero, psicólogos/as, representantes de órganos estatais e docentes universitarios/as relacionados co mundo do dereito, a psicoloxía ou a medicina forense. A propia secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, será a encargada do primeiro deles, que versará sobre a Lei orgánica integral contra a violencia de xénero.