Luis López destaca o “forte compromiso” da Xunta co emprendemento feminino, xa que destinará 34 M€ ao plan ‘Emprega Muller’

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, informou deste investimento, entre o que se inclúe a cifra máis alta da historia do programa Emega, nunha dobre visita á ilustradora Eva Pena e á técnica deportiva Rita Graciela Collazo, beneficiarias desta orde de axudas no ano 2021

Ambas teñen os seus proxectos na cidade de Pontevedra e recibiron, ao abeiro da liña Emprende do programa Emega, senllas achegas de 10.000€ para investimentos no seus centros de ilustración e deseño e de adestramento persoal e para soster dous empregos por conta propia

“Queremos visibilizar, en torno a este 8 de marzo, a decidida aposta da Xunta polas mulleres, con accións laborais de máis de 30 M€ que están en ascenso, xa que o Emega 2022 medrará ata os 4,2 M€, e que permiten que en Galicia a taxa de emprendemento feminino siga a superar á masculina”, explicou Luis López

  • Luis López destaca o “forte compromiso” da Xunta co emprendemento feminino, xa que destinará 34 M€ ao plan ‘Emprega Muller’
  • Luis López destaca o “forte compromiso” da Xunta co emprendemento feminino, xa que destinará 34 M€ ao plan ‘Emprega Muller’
  • Luis López destaca o “forte compromiso” da Xunta co emprendemento feminino, xa que destinará 34 M€ ao plan ‘Emprega Muller’
  • Luis López destaca o “forte compromiso” da Xunta co emprendemento feminino, xa que destinará 34 M€ ao plan ‘Emprega Muller’
Pontevedra, 7 de marzo de 2022.-
 
O delegado territorial da Xunta, Luis López, destacou hoxe en Pontevedra o “forte compromiso” do Goberno galego co emprendemento feminino, xa que revelou que a Consellería de Emprego e Igualdade destinará este ano 34 millóns de euros ao plan Emprega Muller, entre o que se inclúe o exitoso programa Emega, que neste exercicio tamén incrementará a súa partida nun 20% ata alcanzar os 4,2 millóns de euros.
 
O representante autonómico informou deste investimento laboral, empresarial e de emprendemento para mulleres, acompañado pola xefa territorial de Emprego e Igualdade, Marta Mariño, nunha dobre visita, na cidade de Pontevedra, á ilustradora Eva Pena Fandiño e á técnica deportiva Rita Graciela Collazo Mora, que rexenta o centro PT Studio, xa que ambas foron beneficiarias de senllas axudas de 10.000 euros da liña Emprende do programa Emega para o desenvolvemento das súas novas actividades profesionais e para o sostemento de dous empregos por conta propia.
 
“Queremos visibilizar, en torno a este 8 de marzo, a decidida aposta da Xunta polas mulleres para que acaden canto antes a igualdade no mercado laboral e no impulso empresarial. Por elo, este ano destinaremos máis de 30 millóns de euros a todas as accións neste eido, cunhas cifras que están en constante ascenso, como se pode comprobar no propio programa Emega, que este ano chegará á contía máis alta da súa historia”, explicou o representante autonómico.
 
O delegado territorial engadiu que o plan Emprega Muller, entre o que destacan especialmente as liñas de axuda do Emega, “permite que en Galicia a taxa de emprendemento feminino sexa do 5% fronte ao 3,5% dos homes, segundo o derradeiro informe GEM 2020, o cal contribúe a ir recurtando a fenda existente neste ámbito”.
 
En canto aos proxectos da cidade visitados polo delegado e apoiados polo programa Emega, Eva Pena Fandiño potencia a súa propia marca persoal no eido da ilustración, a cerámica, o deseño gráfico e a formación. Esta muller, Grao en Belas Artes e Máster en Ilustración, desenvolve os seus traballos cunha perspectiva de xénero e toque poético cunha temática centrada principalmente no feminismo, a liberdade, a sororidade ou o fogar.
 
Pola súa banda, Rita Graciela Collazo puxo en marcha o centro de adestramento persoal PT Studio coa colaboración destas axudas da Xunta, que tamén lle permitiron impulsar o seu propio proxecto tras retornar a Galicia despois de 15 anos nos Países Baixos. Neste espazo ofrécese unha atención personalizada e individual en ximnasia, benestar, adestramento ou mellora postural.
 
“É unha satisfacción coñecer a estas mulleres e os seus proxectos propios, que lles permiten facer o que lles gusta e que contribúen a que as mulleres de Galicia avancen cara a igualdade efectiva e plena e que academos unha sociedade con futuro. Agradézolles que aproveitaran o apoio da Xunta e agardo que sigan moitos anos con estas actividades”, manifestou Luis López, que lembrou que o programa Emega, cuxa convocatoria adoita publicarse cada mes de agosto, respaldou 1.134 proxectos e xerou máis de 2.100 empregos desde o ano 2009.