A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe en Vigo a Asemblea Xeral da Asociación de industrias do metal (Asime)
Puxo en valor a capacidade de resiliencia do sector que a pesares da pandemia facturou en 2021 un 5% máis e por representar o 20% do PIB galego
A Xunta vén de analizar 15 sectores estratéxicos xeradores de emprego no seu Estudo de tecnoloxías emerxentes como preámbulo da transformación dixital de ámbitos como o aeronáutico, a automoción, o metal-mecánico e o naval deberán enfrontar
O programa Empreganav este ano traballará con 500 persoas desempregadas da industria auxiliar do naval galego para asegurar a súa reinserción
A conselleira destacou o compromiso da Xunta para agrandar a presenza da muller no sector industrial mediante a formación e a sensibilización do tecido empresarial en favor da igualdade laboral
A conselleira subliñou tamén a importante aportación que a Axenda Galega de Capacidades, promovida polo seu departamento, terá na resposta formativa ás necesidades demandadas polo tecido empresarial. Destacou ás contribucións de Asime nesta “ferramenta clave no emparellamento entre a oferta e a demanda de emprego, para aumentar a produtividade das empresas e ofrecer novas oportunidades laborais á cidadanía”. Asime participou nunha das mesas de traballo, centradas na blue economy, que está a poñer o foco no sector automobilístico e aeronáutico.
Lorenzana, por outra banda, anunciou que o programa Empreganav, que quere asegurar a reinserción no mercado laboral de persoas desempregadas provenientes da industria auxiliar naval, chegará este ano a unhas 500 persoas.
Noutro eido de cousas, a conselleira incidiu na necesidade de traballar para que haxa unha maior incorporación de mulleres ao sector industrial. “Este proceso pasa necesariamente polo impulso da formación en STEM nas mulleres, cuxa presenza neste ámbito académico segue a ser minoritaria”. “A pesares do alto grao de inserción laboral no sector tecnolóxico e industrial, as mulleres seguen sen atopar o seu espazo”, insistiu. Puxo como exemplo que entre 2015 e 2020 o emprego creceu un 23% o sector e soamente o 20% dos postos xerados foron ocupados por mulleres.
A conselleira destacou neste camiño a Xunta está a realizar unha aposta decisiva pola formación en igualdade laboral a través dun campus virtual específico; o programa de impulso da igualdade, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (1,4 millóns de euros este ano); ou as unidades formativas en empresas en sectores con subrrepresentación feminina ao que se van destinar 2 millóns en 2022.