Lorenzana resalta o papel clave do estudo da igualdade desde a universidade, nos I Premios Valedora do Pobo sobre a materia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na entrega dos I Premios Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grado e fin de máster nun acto celebrado en Santiago de Compostela

A reflexión sobre a igualdade, os roles de xénero e a prevención da violencia desde as aulas son claves para educar a novas xeracións segundo Lorenzana

A Xunta mantén convenios de colaboración coas tres universidades galegas para fomentar actuacións a prol da igualdade e contra a violencia de xénero aos que se dedicaron o ano pasado 120.000 euros

Os últimos resultados do informe PISA avalaron que as alumnas e alumnos de Galicia son os máis informados en igualdade de xénero de toda España

  •  Lorenzana resalta o papel clave do estudo da igualdade desde a universidade, nos I Premios Valedora do Pobo sobre a materia
  •  Lorenzana resalta o papel clave do estudo da igualdade desde a universidade, nos I Premios Valedora do Pobo sobre a materia
  •  Lorenzana resalta o papel clave do estudo da igualdade desde a universidade, nos I Premios Valedora do Pobo sobre a materia

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no Pazo de Fonseca en Santiago de Compostela -xunto coa valedora do pobo, María Dolores Fernández, e os reitores das Universidades de Santiago, Antonio López, e da Universidade da Coruña, Julio Abalde- na entrega do I Premio Valedora do Pobo aos mellores traballos fin de grado e fin de máster en materia de igualdade, onde salientou o papel clave que representa o estudio dos dereitos das mulleres desde as aulas.

“Que desde as universidades se aposte por fomentar a reflexión e o estudo sobre a desigualdade aínda existente entre mulleres e homes e avanzar no deseño de novas propostas para a súa erradicación, representa unha clave de futuro que combina formación e investigación coa súa vertente máis práctica, real e actual”, asegurou María Jesús Lorenzana, que destacou a importancia de que este tipo de actuacións nazan dunha valedoría do pobo como a galega.

Para a conselleira, as estudantes hoxe galardoadas, todas elas mulleres, contribúen a concienciar ás futuras xeracións nun eido esencial para o progreso colectivo como é a igualdade. “A educación supón o primeiro chanzo sen o cal non poderíamos seguir construíndo unha Galicia máis igualitaria”, remarcou.

A representante da Xunta puxo en valor o labor de sensibilización dos máis novos en materia de igualdade que se está a levar a cabo de forma transversal e en todos os niveis educativos, sobre todo nas universidades galegas. E lembrou que a finais do ano pasado os resultados do informe PISA avalaron que os alumnos e alumnas de Galicia son os máis informados en igualdade de xénero de toda España, dous puntos por riba da media estatal. “Non é froito da casualidade nin do azar”, enfatizou Lorenzana.

O Goberno galego, a través da área de igualdade, mantén liñas de traballo conxunto coas tres universidades galegas coa finalidade de loitar contra a desigualdade e a violencia de xénero nas aulas. En 2020 asináronse cadanseus convenios de colaboración coas tres universidades galegas, dotados con 40.000 euros cada un.

“A Xunta de Galicia está convencida de que a Universidade é un dos ámbitos de socialización que máis inflúe na aprendizaxe das persoas e, por tanto, é aquí onde se debe fomentar a reflexión sobre os roles e os valores que rexen na sociedade, así como traballar cara á consecución da igualdade real e na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias”, concluíu a titular de Emprego e Igualdade.

 
Tema: