Lorenzana resalta o benestar laboral como valor empresarial para unha economía máis próspera

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a empresa naronesa Prace Servizos e Obras, beneficiaria do programa ‘Responsabilízate’ que promove o seu departamento

Puxo en valor iniciativas lexislativas como a futura Lei de igualdade autonómica ou o novo selo de excelencia co que o Goberno galego elevará a relevancia do benestar laboral no eido das organizacións

A Xunta seguirá a avogar pola formación en igualdade no eido do traballo a través do Campus Virtual que conta en 2023 con 200.000 euros de orzamento

Multimedia

 Lorenzana resalta o benestar laboral como valor empresarial para unha economía máis próspera

Narón (A Coruña), 17 de xaneiro de 2023.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, puxo en valor as accións que o Goberno galego leva a cabo para impulsar contornas laborais nas que o benestar, a sustentabilidade e a igualdade sexan valores en alza. Lorenzana visitou hoxe as dependencias da firma Prace Servizos e Obras en Narón (A Coruña), unha empresa da que destacou o seu compromiso en materia de igualdade e responsabilidade social (RSE), valores “fundamentais” para unha economía próspera, competitiva e con perspectiva de futuro, apuntou.

Tal e como remarcou a conselleira, a Xunta impulsa un modelo de empresa que desenvolva accións concretas para facer desaparecer as desigualdades, que se comprometa coa súa contorna dun xeito responsable e priorice o benestar das persoas traballadoras, consciente de que elas son o motor do sistema.

O Goberno autonómico está a dotar de maior seguridade xurídica as actuacións que contribúen a gañar maior benestar laboral con medidas como a nova Lei autonómica de Igualdade, que dedica un capítulo enteiro a esta materia; ou a nova regulación da Certificación galega de excelencia en igualdade, un selo que distinguirá ás empresas galegas que destaquen de forma salientable por un entorno igualitario e sustentable.

Lorenzana subliñou os avances na nova Estratexia galega de RSE na que está a traballar o seu departamento para poder contar en Galicia cun tecido empresarial máis competitivo e responsable.

En 2023, tal e como anunciou, seguirase a impulsar o Campus Virtual de Formación en Igualdade Laboral e Relacións Laborais (200.000 euros de orzamento), un espazo virtual aberto para formar e sensibilizar a profesionais e cidadanía en xeral na importancia da igualdade laboral. Tamén se seguirán a promocionar as relacións laborais e a fomentar a RSE (máis de 720.000 euros) a través do software gratuíto Xunta de Galicia PRO-RSE, que permite as empresas galegas integrar variables de RSE na xestión do seu negocio; ou do programa Responsabilízate , no que toma parte a empresa visitada esta mañá.

Prace é unha firma en expansión que cuadruplicou o seu cadro de persoal nos últimos seis anos. “Todo isto non é casualidade, senón que é consecuencia do compromiso desta empresa coa igualdade, o benestar laboral e coa responsabilidade social empresarial”, puxo en valor Lorenzana, quen destacou que a firma naronesa implantou un plan de igualdade laboral hai 3 anos, cando non tiña obriga de facelo. 

Entre outras medidas, Prace artellou flexibilidade horaria adaptada para familias con menores ao cargo, teletraballo e xornadas adaptadas ao descanso escolar estival, algo pouco habitual no sector da construción, no que encadra a súa actividade esta firma.