Lorenzana pon como exemplo o consenso acadado coas universidades para avanzar na loita contra a violencia de xénero

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e os reitores galegos, Julio Abalde, Antonio López e Manuel Joaquín Reigosa, visitaron hoxe en Santiago de Compostela o Centro de recuperación para vítimas de violencia de xénero

A Xunta apela á unidade institucional para a erradicación da violencia contra as mulleres e a formación en materia de igualdade

As universidades desenvolven cerca dun cento de medidas no marco dos convenios coa Xunta para despregar actuacións do Pacto de estado contra a violencia de xénero

Multimedia

Lorenzana pon como exemplo o consenso acadado coas universidades para avanzar na loita contra a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe, xunto cos tres reitores galegos -Julio Abalde (Universidade da Coruña), Antonio López (Universidade de Santiago) e Manuel Joaquín Reigosa (Universidade de Vigo)- as instalacións do Centro de recuperación integral para vítimas de violencia de xénero (CRI) na Carballeira de San Lourenzo, en Santiago de Compostela. No acto, Lorenzana enxalzou o traballo que a Xunta desenvolve en colaboración cos entes académicos a prol da erradicación da violencia contra as mulleres, e apelou a este mesmo consenso institucional, político e social para avanzar contra as desigualdades.

Para a titular de Emprego e Igualdade, a eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, “unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación en todas as accións”, xa que, engadiu, “o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica a multitude de axentes, tanto desde o sector público como desde o privado”.

Neste sentido, Lorenzana apelou ao “consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres”. E puxo como exemplo o traballo que as tres universidades galegas están a desenvolver en colaboración coa Xunta, no marco das actuacións previstas polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

En maio de 2019 os tres reitores asinaron un acordo de colaboración coa Xunta para desenvolver medidas previstas no Pacto de Estado a través das súas respectivas oficinas de igualdade. O primeiro ano contabilizáronse un total de 58 accións, tal e como lembrou a titular de Emprego e Igualdade que o pasado 28 de outubro, referendou esta colaboración coas universidades co obxecto de completar outras 17 medidas.

No novo marco de colaboración, as universidades despregarán, entre outras, medidas que contribuirán ao reforzo da educación afectivo-sexual e de prevención da violencia en todos os niveis educativos, a realización de estudos sobre o impacto do acoso nos campus e na sociedade, a formación de docentes e da mocidade en cuestións de igualdade, as campañas de prevención ou a incorporación de contidos de igualdade nos temarios do acceso a corpos docentes e no máster obrigatorio para o profesorado.

“A Xunta de Galicia está convencida de que a universidade é o ámbito de socialización que máis inflúe na aprendizaxe das persoas e, por tanto, é neste ámbito onde se debe fomentar a reflexión sobre os roles e os valores que rexen na sociedade, así como traballar cara á consecución da igualdade real e na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias”, recalcou Lorenzana.

A Comunidade ten activas o 56% das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero para o período 2018-2022. Xa desenvolveu 66 das 118 actuacións previstas ata 2022 con propostas novas que garanten, entre outros, o apoio aos menores orfos por mor da violencia e ás mulleres que resultan gravemente feridas. Grazas a esta ferramenta, a Xunta puido establecer quendas de garda de atención psicolóxica e social para as vítimas e incorporou traballadores sociais ás oficinas xudiciais dirixidas á súa atención.