Lorenzana inaugura a mostra ‘As primeiras xornalistas’ que chega a Santiago para lembrar ás pioneiras da loita pola equidade laboral

A exposición ‘As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia’ chega á Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela tras percorrer as catro provincias galegas

Organizada pola Xunta de Galicia, rende tributo a mulleres pioneiras do xornalismo e da escritura

Entre as homenaxeadas inclúense autoras como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, María Luz Morales, Virginia Felicia e Sofía Casanova

Despois de Santiago a mostra trasladarase á delegación da Xunta en Vigo e, dado o éxito, reiniciará o seu percorrido de novo polas bibliotecas de xestión autonómica

  • Lorenzana inaugura a mostra ‘As primeiras xornalistas’ que chega a Santiago para lembrar ás pioneiras da loita pola equidade laboral
  • Lorenzana inaugura a mostra ‘As primeiras xornalistas’ que chega a Santiago para lembrar ás pioneiras da loita pola equidade laboral

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2021.-

A conselleira de Emprego e Igualdade, Maria Jesús Lorenzana, inaugurou hoxe na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela a exposición As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia, que está a percorrer as bibliotecas de xestión autonómica de todas as provincias desde hai un ano.

A mostra, que recala agora en Santiago de Compostela, achega de maneira visual e didáctica ao público a traxectoria de escritoras comprometidas coa modernización política, social e cultural de Galicia.

Tal e como indicou a conselleira, a exposición supón o merecido recoñecemento ao papel que xogaron as precursoras galegas da comunicación na loita pola igualdade entre mulleres e homes. “Unha loita para a que se serviron do máis indestrutible instrumento de poder: a palabra, na súa escritura, na súa voz e na súa capacidade de comunicar”, subliñou. Neste sentido, engadiu que “a forza do seu legado na loita pola equidade laboral sobreviviu e ata medrou ao longo do tempo”.

A Xunta pon a atención nesta exposición nas “mulleres que durante moito tempo foron silenciadas e invisibilizadas”, lembrou Lorenzana. E faino en espazos abertos ao público como as bibliotecas, lugar de encontro entre os máis novos e os máis maiores, “onde a loita pola igualdade destas precursoras repousa nas súas baldas e viaxa de fogar en fogar”, aseverou a titular da Consellería.

As protagonistas

Xornalistas, escritoras, mulleres comprometidas de varias xeracións conforman a mostra, que está estruturada por un conxunto de paneis que dan conta das vivencias, a biografía e as experiencias de doce reporteiras, escritoras, directoras e correspondentes de guerra.

Nesta mirada desde a historia hai espazo para doce galegas destacadas. Así se recollen as opinións de Emilia Pardo Bazán en máis de dous mil artigos de prensa ou de pioneiras como Concepción Arenal ou Mª Luz Morales, primeira directora dun xornal. Parte da exposición dedícase ademais á cullerdense Sofía Casanova, correspondente de guerra, e a Virginia Felicia, coñecida como A raíña do folletín. Completan o elenco de homenaxeadas nesta exposición as poetisas Filomena Dato, Clara Corral e Pura Vázquez; a crítica literaria Concha Castroviejo; Mercedes Vieito, que exerceu o xornalismo desde Cuba; a escritora María Vinyals e Avelina Valladares, articulista e poetisa.

Na colección amósanse, de xeito visual e didáctico, diversos aspectos das súas traxectorias, que viron marcadas, na práctica totalidade dos casos, polo inconformismo, a rebeldía contra a discriminación, a excelencia creadora e a loita pola igualdade.

A Xunta persegue con esta iniciativa que toda a sociedade, especialmente a mocidade, coñeza esta parte da historia de Galicia e dos inicios da loita pola igualdade. Tamén serve para recoñecer o papel de mulleres referentes na profesión xornalística galega, que contribuíron en cada momento á modernización política, social e cultural a través dos seus escritos e das súas voces.

A mostra está a percorrer Galicia desde febreiro do ano pasado, cando estreou a súa andaina en Ourense. Tras pasar por Pontevedra, Lugo e A Coruña a exposición chega a Santiago de Compostela. Dada a boa acollida, anunciou María Jesús Lorenzana, os vindeiros meses continuará a xirar pola Comunidade, “voltando unha vez máis ás catro provincias, para chegar a aquelas persoas que aínda non tiveron a oportunidade de poder desfrutala”.

En maio a montaxe de As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia trasladarase á cidade de Vigo, onde poderá visitarse nas instalacións da delegación territorial da Xunta nesa cidade, onde permanecerá ata principios do mes de xuño.


Tema: