Lorenzana destaca o papel sobresaínte de Galicia co impulso dunha nova Lei de igualdade que recoñecerá a sustentabilidade social empresarial

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou na entrega dos premios Valedora do Pobo aos mellores traballos universitarios en prol da igualdade

Destacou a educación como base para asentar unha verdadeira cultura empresarial que poña en valor a diversidade e o benestar laboral para atraer e reter talento

  • Lorenzana destaca o papel sobresaínte de Galicia co impulso dunha nova Lei de igualdade que recoñecerá a sustentabilidade social empresarial
  • Lorenzana destaca o papel sobresaínte de Galicia co impulso dunha nova Lei de igualdade que recoñecerá a sustentabilidade social empresarial
Vigo, 22 de maio de 2023.-

A nova lei galega de igualdade situará a Galicia á vangarda da loita contra calquera discriminación contra a muller, nomeadamente no eido laboral, ao regular o concepto de sustentabilidade social empresarial que contribuirá a crear unha verdadeira cultura empresarial para atraer e reter talento e crear equipos diversos. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no campus das Lagoas-Marconsende da Universidade de Vigo na entrega dos galardóns da terceira edición dos Premios Valedora do Pobo que recoñecen os mellores traballos Fin de Grao e de Fin de Mestría en materia de igualdade, onde puxo en valor o rol das universidades na consecución deste cambio de paradigma.

Tal e como resaltou Lorenzana, o Goberno galego está a impulsar a nova Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia -foi aprobada o pasado venres polo Consello da Xunta-, un texto co que Galicia reforzará o seu compromiso na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da súa igualdade, atribuíndolle o máis alto grao de efectividade do dereito constitucional á igualdade.

O anteproxecto, detallou, situará á comunidade “á vangarda” ao ser a primeira no Estado en regular a sustentabilidade social empresarial como “cambio organizacional” para que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador e a creación de equipos diversos, multidisciplinares, que incidan no benestar laboral, mellorando a súa competitividade e benestar laboral e converténdose en polos de atracción e retención do talento.

“Queremos modernizar e revolucionar a cultura empresarial con base nos valores sociais, porque a sustentabilidade social empresarial é un dos eixos fundamentais para loitar contra a discriminación da muller no eido laboral e para facer efectiva a verdadeira igualdade de oportunidades”, indicou Lorenzana.

Crear unha sociedade igualitaria, defendeu a conselleira, pasa por unha transformación social, “unha das ferramentas máis útiles para poder acadala é a educación”, destacou.

Para a titular de Promoción do Emprego e Igualdade, tanto a escola como a universidade son plataformas excelentes “para superar os prexuízos e clixés sexistas, desenvolver un pensamento crítico, abordar os estereotipos, para promover a empatía e a comprensión, para fomentar a participación e a acción social”.

“Resulta imprescindible que as universidades, como núcleo do labor investigador e divulgativo da nosa sociedade, contribúan a impulsar a reflexión e o estudo sobre as desigualdades entre mulleres e homes para avanzar en novas medidas para a súa erradicación definitiva”, puxo en valor.

Lorenzana aproveitou a ocasión para felicitar ás tras galardoadas na xornada de hoxe cos premios Valedora do Pobo -Ana Souto, Cinthia Piñeiro e Carmen Castrillo- por contribuír co seu talento e esforzo a avanzar nunha igualdade real, efectiva e estrutural, que dure no tempo.