Lorenzana destaca na entrega do premio Executivas a longa listaxe de mulleres referentes galegas que cambiaron a historia da Comunidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, acompañada polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, e a titular do Mar, Rosa Quintana, asistiu á entrega do VII premio Executivas de Galicia a Carmen Canal, fundadora de Aceites Abril

Referiuse á homenaxeada como unha muller “líder, emprendedora, visionaria, vangardista e talentosa” que leva incluída no repositorio Referentes Galegas desde o ano 2018

Galicia é a segunda comunidade en canto a presenza feminina de mulleres en postos de alta dirección ao supor o 36% dos ocupados en medianas empresas este ano

  •  Lorenzana destaca na entrega do premio Executivas a longa listaxe de mulleres referentes galegas que cambiaron a historia da Comunidade
  •  Lorenzana destaca na entrega do premio Executivas a longa listaxe de mulleres referentes galegas que cambiaron a historia da Comunidade
  •  Lorenzana destaca na entrega do premio Executivas a longa listaxe de mulleres referentes galegas que cambiaron a historia da Comunidade

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022.-

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e da conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe no acto de entrega do VII premio Executivas de Galicia a Carmen Canal, fundadora de Aceites Abril, onde puxo en valor o potencial emprendedor e a capacidade de mando das mulleres galegas que, como a homenaxeada, contribúen a unha Galicia mellor.

Lorenzana referiuse á homenaxeada como “unha muller líder, emprendedora, visionaria, vangardista, talentosa, intelixente e moi traballadora”, que leva incluída no repositorio Referentes Galegas, que actualiza periodicamente a Asociación Executivas de Galicia, coa colaboración da Xunta de Galicia, desde que se deu comezo a esta iniciativa no ano 2018. “Hoxe reafirmamos a súa importancia capital na historia da economía galega, na historia empresarial galega, e na historia das mulleres referentes que nos ensinaron ao resto como avanzar cara horizontes aínda inexplorados”, apuntou. Destacou, deste xeito, o talento e o capital que encarna Carmen Canal, que, segundo indicou, nutre “a longa listaxe de executivas e referentes galegas que cambiaron a historia”.

Lorenzana sinalou que grazas á contribución destas mulleres galegas, Galicia é hoxe en día a segunda comunidade española mellor posicionada en canto a presenza feminina en postos de alta dirección cun 36% de mulleres ocupándoos en medianas empresas en 2022, segundo os datos do informe Women in Business. Tamén puxo de manifesto que o último informe GEM sobre actividade empresarial en Galicia, publicado neste mesmo mes de novembro, sinala que as mulleres emprendedoras seguen a consolidar o seu liderado na fase central do proceso emprendedor, cunha taxa de 5,3 puntos fronte aos 4,4 dos homes.  

Para rematar, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade lembrou a importancia de empresas como Aceites Abril para a comunidade galega, que conta cun equipo humano conformado por 150 profesionais, coa primeira refinería de aceite de Galicia, inaugurada en 2015, e a que xa se sumou unha segunda este mesmo ano. Trátase dunha marca que, segundo apuntou, os xestores da Bolsa de Londres sitúan no ranking das 1.000 pemes europeas máis dinámicas

Aceites Abril enmarca a súa actividade no sector agroalimentario galego, un dos piares da economía galega -xunto coa automoción e o téxtil- que conta con 2.600 empresas que xeran 103.000 postos de traballo. A súa facturación, a finais de 2020 (datos do Ministerio de Agricultura) situouse nos 10.000 M€, o 10 % do PIB galego.