O secretario xeral para o Deporte recibiu á piloto viguesa de motonáutica nun acto celebrado no peirao de Bouzas do Porto de Vigo

Lete Lasa sinala a Sandra Fernández como exemplo de que as deportistas galegas teñen moito que dicir na alta competición

Asegura que os logros da deportista nas recentes competicións internacionais levan detrás moitas horas de adestramento, renuncias e sacrificio e son un estímulo para as deportistas da Comunidade que aspiran a estar na elite das súas respectivas modalidades

Recoñece a súa satisfacción ao constatar a vitalidade dos deportes náuticos en Galicia dado o interese estratéxico que teñen para unha Comunidade con excelentes condicións nas súas costas, ríos e encoros 

Vigo, 10 de setembro de 2014. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, felicitou á piloto viguesa de motonáutica Sandra Fernández, polos seus recentes logros deportivos, tras conquistar o primeiro posto no Campionato do Mundo de Motos Acuáticas, celebrado en Ibiza o pasado fin de semana, e lograr outro tanto no Campionato de Europa de Circuíto de Motos Acuáticas, que tivo lugar na localidade portuguesa de Mirandela os días 26 e 27 de xullo.

Na recepción celebrada esta tarde no peirao de Bouzas do Porto de Vigo, Lete Lasa asegurou que “todos os que pertencemos dun xeito ou doutro ao mundo do deporte, e os propios afeccionados, sabemos moi ben que ese xeito que tes de ‘voar sobre a auga’ nunha modalidade que exixe estar en magníficas condicións físicas, e estes resultados nas competicións, levan detrás moitas horas de adestramento, renuncias e sacrificio, unidos á paixón e á sa ambición por ser cada día mellores no que da sentido e plenitude ás nosas vidas”.

No caso da deportista viguesa, o secretario xeral destacou o seu especial mérito por ter gañado cinco veces o Campionato Galego de Motos Acuáticas modalidade Jet Ski (tempadas 2005, 2006, 2011, 2012 e 2013), sendo a única muller participante e superando a todos os seus competidores. “Proba de que as deportistas galegas teñen moito que dicir no deporte de alta competición e para acadar os seus obxectivos terán sempre o apoio da Xunta de Galicia”, indicou, engadindo que os logros de Sandra Fernández son un estímulo para as deportistas da Comunidade que aspiran a chegar lonxe nos seus obxectivos deportivos.

Lete Lasa quixo lembrar que para o Goberno galego, a promoción dos deportes náuticos ten carácter estratéxico polas excelentes condicións que ofrecen as súas costas, ríos e encoros, o que se reflicte nas políticas desenvolvidas desde a Secretaría Xeral para o Deporte. “É por tanto unha especial satisfacción constatar que a modalidades como o piragüismo ou a vela engádese a vitalidade doutras máis novas, neste caso a motonáutica, e das mans dunha muller como Sandra Fernández”, indicou.

O secretario xeral para o Deporte rematou a súa intervención afirmando que “Galicia agradéceche que, xunto ao teu nome, o da nosa Comunidade se proxecte no mundo a través dos circuítos internacionais nos que participas con tanta autoridade e brillantez”, manifestando que a achega á boa imaxe de Galicia que fan os deportistas galegos da elite mundial “é moi alta e, polo tanto, non pode ser menos o noso recoñecemento, orgullo e apoio, o da Xunta e o de todos os galegos”, remarcou. Lete Lasa concluíu augurando que a carreira deportiva de Sandra Fernández “seguirá a dar moitas alegrías e boas novas ao deporte galego”.

Tema: