Igualdade visita en Vilalba un programa de Terapia Ocupacional para previr casos de violencia de xénero entre adolescentes

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo un encontro cos monitores e os rapaces que participan nestas actividades no IES Basanta Silva

Vilalba, 9 de xaneiro de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá as actividades impartidas dentro dun programa de terapia ocupacional dirixido a adolescentes do Instituto de Ensino Secundario Basanta Silva, en Vilalba, e que ten como obxectivo a prevención de futuros episodios de violencia de xénero.

O programa está centrado na identificación de indicadores e no reforzo contra este tipo de violencia e, en palabras da propia secretaria xeral, busca a reflexión e a aprendizaxe para previr entre a xuventude estereotipos e actitudes violentas. Por este motivo, animou aos rapaces e rapazas en seguir participando neste tipo de actividades, despois de escoitar a boa acollida por parte dos que asistiron á actividade.

Con programas coma este que a Secretaría Xeral da Igualdade está levando a cabo nun total de 30 concellos galegos -todos eles adheridos á Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero-, preténdese que os adolescente tomen de conciencia de que na nosa sociedade existen unha serie de estereotipos de xénero xa interiorizados e que debemos ter conciencia deles e saber identificalos.

No taller impartido no IES Basanta Silva de Vilalba, participaron un total de 20 rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos.