Igualdade reitera o seu compromiso coas mulleres inmigrantes na primeira reunión coa representante de Accem Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, mantivo esta maña unha reunión coa responsable de Accem Galicia, Carmen Vázquez. Esta reunión enmárcanse no conxunto de xuntanzas que a secretaria xeral está a manter cos distintos organismos que promoven iniciativas a prol da igualdade.

Multimedia

Accem é unha ONG de ámbito estatal que proporciona atención e acollida a persoas refuxiadas e inmigrantes, promovendo a inserción e a igualdade de dereitos e deberes, sexa cal sexa o seu orixe, relixión ou grupo social da persoa.

A reunión desta maña foi a primeira toma de contacto entre a secretaria xeral da Igualdade e a representante de Accem Galicia. González e Vázquez analizaron a problemática da muller inmigrante, atendendo principalmente a discriminación social, cultural e laboral da muller estranxeira. A representante de Accem Galicia explicou á secretaria xeral da Igualdade "quen somos, que temos" e, segundo as palabras de Carmen Vázquez Accem Galicia quere "ofrecerlle toda a colaboración na loita pola erradicación de todo tipo de discriminación entre mulleres e homes, sexan de donde sexan".

Accem Galicia conta, desde hai catro anos, cunha sede na cidade da Coruña na que se ofrecen diferentes servizos ás persoas inmigrantes tales como: atención e mediación intercultural, orientación xurídica e acompañamento tanto ao colectivo inmigrante coma ás persoas emigrantes retornadas, acollida temporal de refuxiadas e refuxiados, ou inserción laboral entre outros.

Marta González, reiterou o compromiso do goberno galego por colaborar coas entidades e asociacións na consecución da igualdade entre mulleres e homes. A secretaria xeral tamén recordou que a Secretaría Xeral da Igualdade está a traballar en coordinación coa Secretaría Xeral da Emigración para dotar de ferramentas a persoas inmigrantes en Galicia, coas que podan mellorar a súa calidade de vida e que axuden a erradicar as desigualdades existentes entre mulleres e homes.

Colectivo: