Igualdade publicará en xaneiro unha nova convocatoria de axudas ás Universidades e Centros de Investigación

En 2010 Igualdade concedeu perto de 600.000 euros en axudas ás universidades galegas e centros públicos de investigación co obxectivo de apoiar a creación de coñecemento e de saber, unha tarefa prioritaria das universidades, especialmente en momentos de crise como o actual. Proxectos como Woman Emprende, que pretende dar resposta á carencia que o emprendemento feminino ten na contorna universitaria, xerando empresas sostibles, socialmente responsables, aproveitando o capital intelectual de máis da metade da comunidade universitaria compostelá, contan co apoio das institucións públicas.

  • Igualdade publicará en xaneiro unha nova convocatoria de axudas ás Universidades e Centros de Investigación
  • Igualdade publicará en xaneiro unha nova convocatoria de axudas ás Universidades e Centros de Investigación

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, inaugurou hoxe en Santiago o II Emporium Woman Emprende e o X Congreso Internacional sobre Emprendemento Universitario, onde anunciou que en xaneiro de 2011 se publicará unha nova convocatoria de axudas ás universidades e centros públicos de investigación para realizar proxectos e actividades en prol da igualdade e da prevención da violencia de xénero.

 

Na inauguración do Congreso, cofinanciado pola Secretaría Xeral da Igualdade, Marta González compartiu acto co reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, a directora xeral do Instituto da Muller, Laura Seara, e o director-coordinador da División Global Santander Universidades, José Manuel Moreno.

Na súa intervención, a responsable de igualdade do goberno galego resaltou a importancia de "lograr o equilibrio de xénero no emprendemento" e "o papel fundamental que teñen as universidades nesa misión de fomentar a participación das mulleres na cultura emprendedora", tal como se evidencia no traballo desenvolvido desde Woman Emprende, un programa da Universidade de Santiago de Compostela, que ten como obxectivo último acadar ese equilibrio no eido do emprendemento.

González fixo fincapé no feito de que "a innovación e a cultura emprendedora poden contribuír de maneira decisiva a rachar o teito de cristal que frustra en moitas ocasións as ilusións das mulleres que saen das aulas universitarias cara ao mercado laboral” e poden ser “unha boa alternativa nestes momentos de crise económica".

Por iso, dixo, dende a Secretaría Xeral da Igualdade "apoiamos iniciativas como a de Woman Emprende, que pretende dar resposta á carencia que o emprendemento feminino ten na contorna universitaria, xerando empresas sostibles, socialmente responsables, aproveitando o capital intelectual de máis da metade da comunidade universitaria compostelá".

Nese sentido, González lembrou que en 2010 concedéronse ás universidades e centros públicos de investigación perto de 600.000 euros en axudas, e anunciou que en xaneiro de 2011 sairá unha nova convocatoria de axudas, que cubrirá tamén os proxectos que teñan incorrido en gastos nos meses de outubro, novembro e decembro de 2010, xa que "nos parece fundamental continuar apoiando a creación de coñecemento e de saber, tarefa prioritaria das universidades, o que as converte, nun contexto como o actual, en entidades estratéxicas", afirmou.

A secretaria xeral defendeu un novo papel das universidades, máis aló da educación e a investigación, "facendo un gran esforzo no campo científico, tecnolóxico e da innovación, co obxectivo de mellorar a produtividade, crear emprego e mellorar a calidade de vida das persoas". 

De feito, dixo, proxectos como Woman Emprende, que desenvolveu durante 2010 e o seguirá facendo en 2011 diferentes iniciativas para corrixir o desequilibrio emprendedor de xénero que presenta a universidade, son unha proba de que "é posible a canalización do talento das mulleres investigadoras cara a resultados que enriquezan a toda a sociedade galega".

Feitos vitais: