Igualdade publica no DOG a convocatoria do programa Emega cun orzamento de preto de 700 mil euros

As axudas teñen dúas liñas de actuación, unha destinada ás emprendedoras que poñen en marcha unha iniciativa empresarial e outra para as que queren mellorar os seus proxectos. Emega é un programa de estímulo ás mulleres emprendedoras, apoiándoas mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se establezan como empresarias e deste xeito acaden a súa propia promoción profesional e contribúanáa creación de postos de traballo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Secretaría Xeral da Igualdade para a solicitude de subvencións para o apoio ao emprendemento feminino, o denominado programa Emega, para o ano 2011, que conta cun orzamento de 687.500 euros e esta cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

As medidas de fomento ás iniciativas empresariais promovidas por mulleres e que pretenden a promoción do autoemprego constitúen actuacións eficaces para a xeración de emprego, repercutindo tamén na redución da taxa de paro feminino, que certamente segue sendo máis elevada que a dos homes, e favorecendo a desaparición das diferencias existentes aínda entre o número de emprendedores, moito máis elevado, e o de emprendedoras. Estas medidas, no contexto de crise económica actual, cobran especial relevancia, polo que resulta obrigado fomentalas por parte da administración en xeral e particularmente por parte dos departamentos responsables da igualdade entre mulleres e homes.

O programa Emega é un programa de estímulo ás mulleres emprendedoras, apoiándoas mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se establezan como empresarias e deste xeito acaden a súa propia promoción e contribúan á creación de postos de traballo.

A Secretaría Xeral da Igualdade modificou a convocatoria este ano para adaptala ás necesidades especiais que a situación económica demanda.

As axudas convocadas están destinadas a apoiar o emprendemento feminino e a consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres como medio axeitado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral, a través de dúas liñas de actuación.

Posta en marcha de iniciativas empresariais

Unha primeira liña está destinada a apoiar a posta en marcha de iniciativas empresariais por parte de mulleres en forma de primas básicas ao emprendemento, a través dunha achega económica que sirva de compensación ao esforzo económico do primeiro período de actividade e de estímulo para a creación de emprego feminino por conta allea.

Poderán ser beneficiarias das axudas desta primeira liña de actuación as mulleres que creen o seu propio posto de traballo, partindo dunha situación de desemprego ou inactividade por un período mínimo de tres meses anterior ao día primeiro do mes de inicio de actividade, establecéndose como empresarias autónomas ou sociedades unipersoais.

Tamén poderán facelo as que constitúan microempresas ou pequenas empresas, baixo calquera forma societaria, incluídas as sociedades civís e comunidades de bens, sempre que se creen na empresa os postos de traballo de todas as socias ou emprendedoras; que polo menos o 50% das mulleres que constitúen a empresa estiveran en situación de desemprego ou inactividade por un período mínimo de tres meses anterior ao día primeiro do mes de inicio de actividade; que a administración sexa exercida unicamente por mulleres, que o capital social pertenza unicamente a mulleres cando se trate de microempresas, ou que maioritariamente estea subscrito por mulleres no caso de pequenas empresas.

Outro dos requisitos é que o inicio da actividade empresarial teña lugar entre o 1 de setembro de 2009 e a data de finalización de prazo de presentación de solicitudes; que realicen un investimento mínimo de 6.000 euros; e que non recibisen con anterioridade axuda dos programas Emega para creación de empresas.

Nesta área de actuación, a contía das axudas variarán en función do emprego xerado, dende 8.000 euros, cando se trate de empresarias autónomas ou sociedades formadas por unha ou dúas mulleres, ata 30.000 euros, no caso de empresas que creen máis de dous postos de traballo por conta allea de carácter indefinido a tempo completo para mulleres desempregadas de longa duración e maiores de 45 anos.Mellorar os proxectos empresariais.

Esta convocatoria de 2011 ten unha segunda liña de apoio, a destinada á mellora de proxectos empresariais liderados por mulleres, en forma de primas especiais que sirvan de incentivo para afrontar un proxecto de mellora caracterizado pola creación de emprego feminino estable e de calidade e a mellora da competitividade.

Poderán ser beneficiarias desta liña de axudas as mulleres que acrediten que o capital social pertenza unicamente a mulleres, cando se trate de microempresas, ou que maioritariamente estea subscrito por mulleres, no caso de pequenas empresas; que acrediten actividade empresarial, no mesmo sector para o que se proxecta a mellora, ininterrompida entre 2 e 5 anos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes; as que realicen un investimento mínimo de 6.000 euros e presenten un proxecto de mellora empresarial que supoña a creación, polo menos, dun posto de traballo para unha muller, para o que se esixa capacitación profesional media ou superior e as súas funcións estean vinculadas directamente ás accións do proxecto de mellora.

Ademais, é preciso que o proxecto se materialice a través dalgunha das seguintes accións: proxectos de desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas para a obtención de novos produtos ou procesos, ou mellora dos xa existentes; proxectos de aplicación de novas fórmulas de produción e/ou distribución; proxectos de diversificación de produción e/ou da oferta de produtos ou servizos no marco da mellora da calidade; proxecto de reformulación empresarial para a achega ao mercado de produtos e/ou servizos innovadores ou de especial singularidade.

Nesta área de actuación as axudas consistirán nunha prima especial con contías que poden acadar ata os 30.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de maña, mércores, 18 de xaneiro, e poderase obter documentación normalizada ou adicional na Secretaría Xeral da Igualdade ou a través desta web.

Feitos vitais: