Igualdade participa na Feira Internacional de Emprego con obradoiros para mellorar as destrezas das mulleres na procura de traballo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, visitaron esta mañá a feira, organizada polo Concello.

A primeira xornada da feira contou con máis de 2.000 visitas aos 37 expositores que participan.

  • Igualdade participa na Feira Internacional de Emprego con obradoiros para mellorar as destrezas das mulleres na procura de traballo
  • Igualdade participa na Feira Internacional de Emprego con obradoiros para mellorar as destrezas das mulleres na procura de traballo
  • Igualdade participa na Feira Internacional de Emprego con obradoiros para mellorar as destrezas das mulleres na procura de traballo

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2011.- Máis de 2.000 persoas visitaron hoxe a Feira Internacional de Emprego, organizada pola Concellaría de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego do Concello de Santiago de Compostela, coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade, que ofrece obradoiros para mellorar as destrezas das mulleres na procura de emprego e a exposición Con nome de muller.

A feira, que pretende converterse nun espazo de encontro e intercambio de información entre futuros empregados e as empresas e entidades participantes, foi visitada esta mañá a primeira hora pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, acompañado pola concelleira de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado.

Obradoiros, conferencias e unha exposición sobre emprendemento feminino forman parte da oferta feiral. Entre os relatores atópanse Rafael Millán Calenti, doutor en Dereito e profesor de Dereito Mercantil da USC, que analizou as medidas para a protección de datos con respecto aos procesos de selección laboral, Santiago Vázquez Blanco, director de RRHH de R Comunicacións, que falou sobre a importancia da fortaleza emocional para a optimización e satisfacción laboral, ou Felipe García Rey, responsable de grandes contas de ONO, quen expuxo as claves para enfrontarse a unha entrevista de traballo con maior seguridade.

Juan J. Martínez López, presidente de Down Compostela, Faustino Sánchez Guindo, de Formación y Selección CESS El Corte Inglés, Leandro Fernández Macho, xerente de Ágama Consultoría y Aprendizaje S.L, ou Jose Domingo Barros Montáns, secretario de Formación UGT Galicia, son outros dos nomes que conforman o ciclo de conferencias da I Feira Internacional de Emprego.

A Secretaría Xeral da Igualdade colabora con dous obradoiros, dirixidos a mellorar as capacidades estratéxicas das mulleres na procura do emprego, impartidos por Anna Viñolas e Cándida Rodriguez. Amais, a colaboración de Igualdade fixo posible tamén que estea presente na feira a exposición Con nome de muller, do programa universitario Woman Emprende, sobre experiencias de emprendementos femininos, a partires dos diferentes contextos históricos e de iniciativas concretas de mulleres de vocación innovadora.