Igualdade felicita ao concello de Cuntis polo premio de boas prácticas contra a violencia de xénero que lle deu o Estado

Cuntis, que recibiu o premio polo seu Servizo de Atención á Muller, foi o único concello galego galardoado nesta primeira edición

López Abella animou aos concellos galegos a que, como Cuntis, se sumen á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero

  • Susana López Abella na reunión co alcalde de Cuntis
  • Susana López Abella na reunión co alcalde de Cuntis

Santiago, 31 de marzo de 2013.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Cuntis, Antonio Pena Abal, para felicitalo polo premio de boas prácticas locais contra a violencia de xénero, outorgado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e a Federación Española de Municipios e Provincias.

Cuntis foi o único concello galego que obtivo un galardón nesta primeira convocatoria dos premios, na que tamén foron recoñecidas iniciativas dos concellos de Jerez (Cadiz), Portugalete (Vizcaya), Castrillón (Asturias), Valencia, Satander, Bilbao e o Cabildo de Tenerife. En total presentáronse aos premios 123 concellos e máis de 170 proxectos vinculados á sensibilización e prevención da violencia de xénero, a atención e apoio ás vítimas e a detección e coordinación na loita contra esta lacra.

O concello pontevedrés recibiu o premio na categoría de “Atención e apoio ás vítimas de violencia de xénero” polo seu Servizo de Atención á Muller. O obxectivo xeral deste servizo é dotar o concello dun recurso especializado, que promova e facilite o desenvolvemento integral da muller, que sirva para previr situacións de maltrato e violencia e a atención e tratamento das vítimas nos casos en que se producise unha situación de maltrato.

Neste sentido, realízanse actividades como informar e asesorar as mulleres en temas xurídicos e proporcionarlles apoio psicosocial; dotar as mulleres de habilidades que lles permitan alcanzar a autonomía suficiente para ser artífices do seu propio desenvolvemento persoal; e previr situacións persoais, de parella ou familiares de crise ou conflito.

Así mesmo, tamén ten como fins evitar a cronificación de situacións a través de intervencións multiprofesionais que tendan á súa superación; realizar actuacións de sensibilización e concienciación a nivel comunitario con medidas preventivas da violencia de xénero; así como o acompañamento ás vítimas en casos de maltrato, naquelas cuestións que se requiran.

A secretaria xeral lembrou que, ademais, o pasado ano o Concello de Cuntis levou a cabo un curso de autoprotección e autodefensa para mulleres vítimas de violencia de xénero, a través dun protocolo asinado entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias.

López Abella felicitou ao rexedor polo excelente traballo realizado e animou aos concellos galegos a que, como Cuntis, se sumen á Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero, que a día de hoxe conta con xa con 82 concellos adheridos.

Contido: