Igualdade estrea unha convocatoria de axudas de 300.000 euros para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e das nais

As axudas están destinadas ás asociacións de nais e pais dos centros educativos galegos subvencionados con fondos públicos, para realizar actividades extraescolares que faciliten a conciliación. A convocatoria financiará ata un máximo do 50% do custo das actividades dirixidas ao alumnado de educación infantil e primaria. Estas, deberán centrarse, maioritariamente, en aspectos lúdicos, artísticos, culturais, tecnolóxicos ou deportivos.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas da Secretaría Xeral da Igualdade para que as asociación de nais e pais do alumnado dos centros educativos de Galicia sostidos con fondos públicos, realicen programas de actividades complementarias e extraescolares que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. A convocatoria está dotada con 300.000 euros.

A Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario favorecer e impulsar a conciliación do traballo e da vida familiar de mulleres e homes adoptando medidas que a faciliten. Por ese motivo, este ano, por primeira vez, publica esta convocatoria de axudas destinadas á realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado, de programas de actividades complementarias e extraescolares nos centros educativos de educación infantil e primaria de Galicia que teñan como fin facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, durante o curso escolar 2010-2011.

A necesidade de conciliar a vida familiar e laboral leva consigo, ademais dos cambios necesarios no ámbito lexislativo, a obriga de promover servizos e recursos complementarios que faciliten a conciliación, como son os servizos de atención a menores que permitan adecuar os horarios escolares cos horarios laborais das familias. Os poderes públicos deben pórse á cabeza na creación de programas e accións facilitadores da conciliación, principal obxectivo desta actuación da Secretaría Xeral da Igualdade.

Esta convocatoria de axudas ás asociacións de país e nais do alumnado está dotada con 300.000 euros, e está cofinanciada polo Fondo Social Europeo nun 80%. Poderán concorrer ás subvención as asociacións de nais e pais de alumnado dos centros educativos sostidos con fundos públicos que estean legalmente constituídas e inscritas no censo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Poderán ser obxecto de subvención a organización e xestión da realización de actividades extraescolares dirixidas ao alumnado de educación infantil e primaria que fomenten o desenvolvemento integral das persoas e a igualdade entre os xéneros, que se desenvolvan obrigatoriamente nas dependencias do centro escolar e que se realicen no horario inmediatamente anterior ou posterior ao da xornada escolar. A convocatoria posibilitará o financiamento de actividades de carácter lúdico, artístico, cultural, tecnolóxico e/ou deportivo. Estas axudas sufragarán ata un máximo do 50% do custo da actividade, sen que en ningún caso se poida superar a contía de 6.000 euros por entidade. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir de maña.