Igualdade e o Sergas asinan un protocolo de colaboración para a atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero

Estímase que a avaliación psiquiátrica é necesaria en aproximadamente o 10% dos ingresos. Marta González lembrou que a solución para a violencia de xénero non é sinxela, pero a maior eficacia e coordinación das administracións facilitará o proceso de apoio e recuperación das vítimas, como é o caso deste protocolo.

Multimedia

Santiago, 23 de decembro de 2010.- A secretaria xeral da Igualdade, Marta González,  o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, e a xerente do Servizo Galego de Saúde, Rocío Mosquera , asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a asistencia psiquiátrica ás usuarias do Centro de Emerxencias de Vigo para mulleres vítimas de violencia de xénero no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.

Este protocolo vai permitir que as mulleres que cheguen ao Centro de Emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero de Vigo, que é un centro de acollemento, protección e seguridade para mulleres en situación de perigo ou grave risco da súa integridade física e/ou psíquica e das persoas dependentes delas, teñan a posibilidade de dispor dunha avaliación psiquiátrica, no caso de que trala valoración psicosocial que se lles fai ao ingreso, a poidan precisar, ben por necesidades especificas neste sentido ou ben para determinar a procedencia ou non de ingreso no centro, en función das súas características.

A secretaria xeral da Igualdade tivo unhas palabras de recordo para as 71 mulleres que foron asasinadas no que vai de ano vítimas de violencia de xénero, dúas delas en Galicia, "unha cifra que debería darnos vergonza como sociedade, e que tristemente nos lembra que falta moito camiño por percorrer ata lograr que ningunha muller sexa vítima de ningún tipo de violencia por parte da súa parella ou ex parella", afirmou.

Marta González destacou que "a sociedade ten que rexeitar ao agresor e apoiar a vítima, ou que non acontece en moitos casos, porque é fundamental que a muller receba do seu entorno familiar e social o apoio necesario nese momento crucial que é o da toma de decisión sobre a interposición dunha denuncia".

A máxima responsable de igualdade do goberno galego recoñeceu que "a solución non é fácil" e que se o primeiro paso ten que ser o rexeitamento absoluto da sociedade a violencia de xénero e ao maltratador, o segundo debe ser "a actuación de forma eficaz das administracións implicadas no proceso", e, nese sentido "a administración autonómica galega, coa sinatura deste protocolo de colaboración, da hoxe un paso máis para apoiar ás vítimas e, neste caso en particular, para axudalas a recuperarse da mellor forma posible".

Pola súa banda, a xerente do Servizo Galego de Saúde, Rocío Mosquera Álvarez, destacou que o obxectivo desta colaboración entre o Sergas e a Secretaría Xeral de Igualdade é consensuar os procedementos necesarios para a avaliación psiquiátrica de usuarias do Centro de Emerxencias para mulleres vítimas de violencia de xénero, e que esta se faga do xeito máis rápido posible, para minimizar o risco e favorecer a recuperación integral das mulleres.