Igualdade e a Federación de Mulleres Rurais de Ourense axudaron o ano pasado a 50 mulleres da provincia en risco de exclusión social

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá coa presidenta e vicepresidenta da Federación

A Xunta achegou máis de 13.000 euros a un programa de FEMURO que presta recursos a mulleres xestantes e/ou lactantes con menores de 3 anos ao seu cargo

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá coa presidenta e vicepresidenta da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense, Isabel Garrido e Elsa Pajarín
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá coa presidenta e vicepresidenta da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense, Isabel Garrido e Elsa Pajarín

Santiago, 12 de febreiro de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse esta mañá coa presidenta e vicepresidenta da Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense, Isabel Garrido e Elsa Pajarín, para coñecer as iniciativas da entidade e ofrecerlle a colaboración do Goberno galego.

En 2013 Igualdade subvencionou con máis de 13.000 euros o programa “FEMURO concilia e emprega”, a través da orde de entidades de iniciativa social. Esta iniciativa, que botou a andar en 2010, presta recursos integrais específicos a mulleres xestantes e/ou lactantes con fillos e/ou fillas menores de tres anos en situación de vulnerabilidade social e/ou laboral.

O seu obxectivo é evitar a exclusión social destas mulleres, promovendo accións para o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral, co fin de mellorar as súas condicións de vida e fomentar a igualdade de oportunidades. O programa abarca toda a provincia de Ourense, a través das máis de 70 asociacións de mulleres rurais adheridas, e en 2013 atendeu a 51 mulleres.

No marco desta iniciativa, leváronse a cabo actuacións de información sobre recursos para as mulleres e os menores; acompañamento social; formación, orientación, asesoramento e busca de emprego; adquisición de competencias persoais e sociais adaptadas a inserción social para afrontar a súa situación persoal; así como medidas de apoio urxente.

No transcurso da reunión, Susana López Abella destacou a importancia que para o seu departamento ten o asociacionismo feminino e lembrou que, entre outras iniciativas, a Secretaría Xeral da Igualdade concede anualmente unha liña de axudas destinadas a dinamizar o movemento asociativo feminino en Galicia e fomentar a participación da muller.